A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez urxiu ao Goberno galego a “implantar medidas contra o descenso da produtividade marisqueira na ría de Arousa”. A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada da Pobra do Caramiñal afirmou que “o estado e calidade das augas das rías galegas dista moito aínda de ser o óptima” e “os datos recentes de Augas de Galiza confirman o aumento de vertidos na ría coa detección, até o mes de setembro de 458 vertidos, 14 máis que no ano 2020”. Destas verteduras, 53 superan o parámetros establecidos para ser considerados contaminantes.

O exemplo máis recente da perda de produción do marisqueo na ría de Arousa, explicou Rosana Pérez, viviuse, “outro ano máis na campaña de libre marisqueo, onde moitos profesionais falaban xa claramente da necesidade de poñer en marcha ambiciosos plans de rexeneración”, dixo, engadindo que foi “unha campaña con ínfimas capturas e ingresos ao sector”. Pérez tamén botou man dos datos recentes da Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (AGADE), que confirmaba os datos de primeira venda: na ameixa babosa a produción superaba as 800 toneladas no 2010, 666 en 2016, 610 en 2017, 501 en 2018, 494 en 2019, 381 no 2020 e 127 no 2021. “Esta información”, dixo, “debera facer soar todas as alarmas”.
A deputada da Pobra manifestou que amais dos vertidos de augas residuais “hai outros factores que sen dúbida poden estar incidindo na calidade das augas da ría de Arousa e dos que, dende logo, poucos datos e escasa información transcendeu”. Por exemplo a contaminación que afecta á ría procedente do río Ulla sobre todo, pero tamén do Umia e Sar, a falla de control de expulsión dos sedimentos que se almacenan no encoro de Portodemouros, “graves e continuados vertidos industriais contra os que non se actúa e, en moitos casos, nin sequera se investiga”.
Rosana Pérez volveu reclamar “medidas concretas” para recuperar a produción marisqueira na ría de Arousa e o compromiso do goberno para iniciar as investigacións dos vertidos.
Segundo explicou, “o PP rexeita a proposta do BNG para elaborar estudos e informes sobre o impacto social, económico e laboral sobre o sector pesqueiro da modificación da Directiva europea de Tributación da Enerxía e defender ante Europa que Galiza é un país altamente dependente da pesca”. Sobre esta mesma comisión de pesca, Pérez lembrou que ela mesma defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a “demandar do Goberno do Estado un posicionamento claro ante o Fit for 55 e a proposta da Comisión Europea sobre a modificación da Directiva de Tributación da Enerxía, así como elaborar, en colaboración co sector, estudos e informes sobre o impacto social, económico e laboral que tería a modificación da Directiva de Tributación da Enerxía no sector pesqueiro galego e no conxunto da economía do noso país”. A proposta do BNG incluía “defender o carácter de Galiza como país altamente dependente da pesca diante da Unión Europea” e “iniciar todas as accións que se consideren tendentes a reverter a proposta da Comisión Europea e os seus efectos sobre a frota galega”. Rosana Pérez lembrou que este punto da proposición non de lei suscitou “un agrio debate entre a deputada e o portavoz do PP, Balseiro Orol, quen tras anunciar o voto a favor da iniciativa nacionalista propuxo votar por puntos para rexeitar o relativo á defender ante Europa o carácter de Galiza como país altamente dependente da pesca”.