O Concello da Pobra vén de facer un balance da actividade xerada até o agora, logo dunha semana, pola campaña de promoción comercial Raña e gana. Segundo fixo saber o departamento de Promoción Económica que dirixe Charo Varela, xa se repartiron arredor de 40 agasallos.
Dende o 27 de novembro
Baixo a premisa de “vigorizar a actividade económica do municipio ao tempo que se xera ilusión nestas datas do Nadal”, no 27 de novembro botou a andar a segunda convocatoria da campaña Raña e gaña, a cal repartiu nunha semana aproximadamente 40 agasallos. Trátase dunha iniciativa que xorde da unión de forzas entre o Concello da Pobra e o comercio local xunto coa colaboración do tecido empresarial: CONGALSA, Grupo Roig, Rianxeira/Escurís, Conservas Ramón Franco, a estación de servizo Avia e DS Smith Cartogal.
Esta nova edición supón o reparto de máis de 70 000 tarxetas en 60 establecementos comerciais e de servizos do concello no transcurso desta campaña, que se estenderá ata o día 6 de xaneiro, inclusive. As referidas cifras traduciranse en arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 15 000 euros.
Dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), lémbrase o éxito acadado na pasada convocatoria, que derivou nun movemento de aproximadamente 800 000 euros.
Metodoloxía
Por cada dez euros de compra farase a entrega dun rasca e aqueles que resulten premiados especificarán o agasallo xunto co establecemento onde se debe recoller. Figuran tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, xoiarías ou informática, entre outros, o cal “é unha mostra da heteroxeneidade dos locais integrantes desta campaña e, polo tanto, dos agasallos que se van entregar: dende produtos alimentarios a sesións fotográficas, tratamentos de beleza ou complementos, os cales son só algúns dos exemplos”, sinala o Concello, lembrando que os comercios participantes contan cun distintivo nun lugar visíbel.
Doutra banda, os agasallos das empresas colaboradoras consisten, principalmente, en lotes de produtos, dispositivos eléctricos, maletíns de limpeza de vehículos e unha viaxe familiar a Eurodisney. No caso concreto destas contribucións, a recepción dos obsequios será na oficina do turismo (Casa Mariñeira), onde o persoal municipal se encargará da xestión, pois os artigos permanecen alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
O prazo para recoller os premios será ata 28 de febreiro de 2022.