Máis de 400.000 euros destinados á rexeneración ambiental da zona do Areal na Pobra

A subdelegada do  Goberno na Coruña, María Rivas, resaltou o investimento e o compromiso do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a recuperación medioambiental do borde litoral da Pobra do Caramiñal.
Así o indicou no transcurso da visita que realizou ao municipio para supervisar os traballos de mellora que se están realizando na zona da  praia do Areal e na que estivo acompañada polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro; e o xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil.

A actuación de mellora ambiental que se está levando a cabo pretende continuar coa rexeneración do borde litoral da praia do Areal, despois de recuperar as súas marismas cunha actuación xa executada.

O proxecto ten por obxecto a demolición de catro antigas naves industriais, próximas ao borde litoral da praia do Areal, dentro do dominio público marítimo terrestre, co fin de realizar unha rexeneración ambiental da zona, compatibilizándoa co uso público destes espazos.

O acabado final da superficie da zona recuperada farase mediante a aportación de area, para reforzar desta maneira o seu aspecto natural.

Esta actuación conta cun orzamento de 402.068,39 euros e o seu prazo de execución é de tres meses, sendo os traballos realizados pola empresa pública Tragsa.

Este proxecto complementa e completa o xa desenvolto de recuperación das marismas da Pobra, onde se actuou sobre máis de 10.000 metros cadrados e un quilómetro de canles, retirándose entón máis de 30.000 metros cúbicos de recheos e procedéndose a restaurar a cuberta vexetal en case 10.000 metros cadrados. Para iso foi necesario desmontar a antiga depuradora situada en dominio público marítimo terrestre e eliminar todas as especies invasoras.

Con esa iniciativa, que requiriu un investimento de 1,7 millóns de euros, restaurouse e protexeuse a marisma recuperando este ecosistema costeiro para adaptar a masa forestal da zona.