A Real Filharmonía de Galicia estrea a ópera cómica “A sombra de Cristal” de Fernando Buide, con texto do ribeirense Quico Cadaval

A Real Filharmonía de Galicia vai estrear a ópera cómica A sombra de Cristal de Fernando Buide, con texto e dirección escénica do ribeirense Quico Cadaval, un encargo conxunto da RFG e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Será o 9 de decembro para os abonados e o 10 para o público xeral, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. Dirixida polo director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira -que fai de personaxe muda-. O concerto, que inclúe ademais La serva padrona de Pergolesi, está realizado en coprodución entre a RFG, Amigos da Ópera de Santiago e o Centro Dramático Galego; co apoio do Xacobeo 2021-2022. O día 9 poderá seguirse en streaming a través da canle de Youtube da Real Filharmonía de Galicia. As entradas xa están dispoñibles en www.compostelacultura.gal .

Presentación da opera “A sombra de Cristal”

No Auditorio de Galicia presentouse a opera coa presenza do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o director titular e artístico da RFG, Paul Daniel (vía vídeo); o presidente da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro; o compositor Fernando Buide; Quico Cadaval, María Hinojosa, César San Martín; o actor Víctor Mosqueira; e a directora técnica da agrupación, Sabela García.
Desde a Asociación de Amigos da Ópera xurdiu a idea de realizar unha “versión” contemporánea e ambientada en Galicia da icónica ópera cómica La serva padrona de Pergolesi. A proposta foi acollida con entusiasmo pola Real Filharmonía de Galicia e o seu director titular, Paul Daniel. Así comezaba a historia deste ambicioso e orixinal proxecto.
Fernando Buide cualificou este proxecto como “un reto enorme”. “É a miña primeira ópera cómica e desde o primeiro momento pregunteime como conseguiría a través da música transmitir toda a alegría, desenfreo e tolemia das grandes ideas de Quico Cadaval.
Agardo que a música poida espertar un sorriso en todos os que a escoiten” -manifestou-. Pola súa parte, Paul Daniel referiuse a “unha pequena obra mestra, moi divertida, chea de humor, unha estrea moi importante para Galicia e tamén para o resto de España”. Nesta liña, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou que “esta produción é un exemplo de que a través da alianzas poden levarse a cabo os proxectos culturais de calidade que nos propoñamos; é un exemplo para toda Galicia”.
A sombra de Cristal”, un xogo de espellos
Quico Cadaval resumiu o argumento da ópera como “o camiño de tres personaxes infelices que tratan de expulsar a infelicidade das súas vidas”. A sombra de Cristal conta a historia de Trocado, un conselleiro da Xunta de Galicia que ten ao seu cargo a Consellería de Harmonía e Innovación. Culto, sensible e tímido, teme os espazos abertos e os eventos
multitudinarios e, ademais, é barítono. Por fortuna para el, conta coa protección de Cristal, a protagonista; é a súa xefa de prensa, creativa, moderna e visionaria, unha incomprendida na rutinaria actividade autonómica, ademais de soprano. Tamén está Marcial, o policía que coida da seguridade do conselleiro, un exmilitar de pasado heroico que se sente rebaixado a gardacostas.
Cristal ve como, unha e outra vez, os seus proxectos chocan coa desidia de Trocado, que se entrega á melomanía e ao hedonismo. Cristal tece, coa axuda de Marcial, un plan para rematar coa situación. Pero non conta con que Trocado, gran coñecedor da música barroca, detecta sorprendentes semellanzas entre as astucias de Cristal e o argumento de
La serva padrona de Pergolesi.
O compositor Fernando Buide
Desde o seu debut como compositor coa Sinfónica de Pittsburgh, a música de Fernando Buide (Santiago, 1980) ten sido programada por numerosas formacións como a Orquestra de Minnesota, Filharmónica de Yale ou Suzhou (China). En España traballou con moitas das principales agrupacións sinfónicas do país (Euskadi, Bilbao, Sevilla, Orcam, RTVE,
Tenerife, Gran Canaria…), tendo recibido encargas da Orquesta Nacional de España, a Jonde, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Recentemente tamén foi compositor convidado da Orquesta Sinfónica do Principado de Asturias.
Doutor pola Universidade de Yale, formouse como pianista, organista e compositor.
Estudou tamén na Universidade Carnegie Mellon e nos conservatorios de Oviedo e Santiago de Compostela. Entre outros galardóns, recibiu o premio AEOS-BBVA, a bolsa Leonardo ou o premio Michael Friedmann de investigación na Universidade de Yale. Foi compositor en residencia na Real Academia de España en Roma. A súa primeira ópera, A
amnesia de Clío, sobre un libreto de Fernando Epelde, estreouse en 2019 baixo a batuta de Paul Daniel e a dirección escénica de Marta Pazos e a compañía Voadora.


Conversando con Fernando Buide e Quico Cadaval
Antes da celebración de ambos os concertos, o público poderá manter unha charla co compositor Fernando Buide e co responsable do texto e director de escena de “A sombra de Cristal”, Quico Cadaval. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que a Real
Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.