A Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña vai comezar o ano con dúas futuras adhesións: as dos centros de coworking da Pobra do Caramiñal e de Santiago, cuxa incorporación á Rede formalizouse este 21 de decembro no pleno provincial, no que se aprobou o seu financiamento. O Coworking A Pobra e o Coworking Dixital Ccompostela teñen en común que son dúas novas contribucións a un xeito novo de xerar emprego, emprendemento e innovación: en colaboración entre coworkers e con todos os elementos dispostos para que a transformación empresarial e o espírito creativo flúan libres. O O pleno provincial aprobou este día 21 o financiamento para ambos centros, que se incorporarán a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.
Coa incorporación do Coworking A Pobra son xa 10 os emprazamentos integrantes da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo posta en marcha desde o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña. Ata agora a Rede estaba integrada polo Pazo de Arenaza en Oleiros, polo Coworking de Carballo, o espazo Daquí Darredor en Brión, o LabBarbanza de Boiro, o Coworking A Capela, o centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, o centro de emprendemento A Estación de Vedra e A Proa de Ames.
Coworking A Pobra
O espazo colaborativo Coworking A Pobra consta dun espazo de 143,23 m2 con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras. Consta dunha área de emprendemento, o espazo Emprende, con capacidade para 8 módulos de traballo dotados con mobiliario individual común, poñendo o foco en persoas emprendedoras que teñen a vontade de crear a súa propia empresa, e dunha contorna para coworkers ocasionais, o espazo Nómades, con capacidade para 2 módulos que se configuran sobre todo para usuarios externos que non permanezan de modo continuado no centro, senón por períodos de tempo moi concretos. Ademais o centro pon a disposición das persoas emprendedoras e empresarias unha sala de reunións, un espazo de usos múltiples, cociña, zona de descanso, aseos e espazo de almacén e acceso a Internet.
Para dinamizar a actividade deste centro a Deputación achegará 24.811,60 euros, o que supón o 80% do total do custo do proxecto, para a contratación dunha asistencia técnica que preste apoio na xestión e dinamización do coworking, para por en marcha un campus de emprendemento con perspectiva de xénero e para impulsar unha experiencia piloto para a promoción do sector primario dende o espazo de traballo colaborativo pobrense.
Segundo explican a Deputación e o Concello da Pobra do Caramiñal, o campus de emprendemento con perspectiva de xénero “nace para estimular o espírito empresarial, combinando sesións teóricas con visitas a empresas competitivas e sustenteis implantadas no concello. Servirá, polo tanto, de punto de encontro e interacción entre mulleres con potencial emprendedor e empresas de mulleres”.
Con esta iniciativa desenvolverase unha experiencia piloto para implicar aos veciños e veciñas con terreos de cultivo destinado ao autoconsumo para a comercialización dos seus excedentes alimentarios, que se integrarán nas actividades de dinamización do espazo de coworking.
Coworking Dixital CCompostela
Este 21 de decembro aprobouse tamén o convenio entre a Deputación da Coruña e a Cámara de Comercio de Santiago para formalizar o convenio de colaboración que dea alicerce ao proxecto Coworking Dixital CCompostela, no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da entidade provincial. Esta iniciativa busca apoiar a transformación das pemes no momento actual de reflexión sobre a dixitalización que se leva a cabo en España e Europa. Para co-financialo a Deputación achegará 37.789,50€ de fondos propios, o que supón o 20% do total, que ascende a 188.947,52 €.
Ofrecerá apoio tecnolóxico e asesoramento para o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados na economía dixital, ademais de prestar apoio noutras áreas como o financeiro e formativo. O coworking, explicaron a Deputación e a entidade cameral, abrangue unha completa batería de servizos en torno ás dimensións de negocio, financiamento e xestión da innovación e a transferencia de tecnoloxía, poñendo o foco na colaboración e o networking. O proxecto ten “un marcado carácter supramunicipal” xa que o seu ámbito de actuación é o mesmo que o da Cámara de Comercio de Santiago, que comprende un total de 32 concellos da provincia: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.