O fenómeno xacobeo centra a nova mostra do Museo do Gravado

O Museo do Gravado de Artes vai inaugurar o vindeiro 2 de decembro unha mostra centrada nas recentes explosións creativas ligadas ao fenómeno xacobeo. Estamos a falar da exposición Facer Camiño, impulsada pola Real Academia Galega de Belas Artes. Inaugurarase o xoves 2 ás 20.00 horas na sala 2 do Museo do gravado. Intervirán o académico e director do museo MARCO de Vigo, Miguel Fernández Cid, achegando a conferencia Entre a viaxe e o paseo.

A mostra, composta por 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, é unha iniciativa itinerante na que se asocia a arte co Camiño de Santiago. Até o de agora, xa percorreu as 7 grandes cidades galegas, así como as vilas de Tui, Cee e Mondoñedo, concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas. Este mes de decembro é a quenda de Ribeira, máis polo miúdo do Museo do Gravado de Artes.

A comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, realizou unha escolma de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.

En concreto, a exposición acolle obras de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

A mostra poderase visitar dende o 2 ao 20 de decembro de 2021 no horario do Museo do Gravado.