Dúas persoas resultaron feridas, esta tarde, nun accidente entre dous coches, ocorrido na parroquia de Castiñeiras, en Ribeira.

A Policía Local de Ribeira informa dun accidente con feridos producido na estrada xeral de Castiñeiras (DP- 7307) á altura do seu punto kilómetrico 1.6 no que se viron implicados catro vehículos.
Neste senso, personados os axentes no lugar do sinistro tras ser alertados polo 112 minutos antes das dúas e media da tarde observaron dous destes vehículos no medio da calzada, un deles volcado e outro con grandes danos parte dianteira esquerda, ademais doutros con danos que estaban estacionados nas inmediacións.
Á vista destes feitos, dedúcese que o primeiro dos vehículos impactou frontalmente co segundo cando circulaba a unha velocidade excesiva en dirección Aguiño, invadindo o carril contrario, e colisionando ademais cos outros dous vehículos aparcados, causando danos de consideración na parte lateral esquerda e dereira, respectivamente, terminando o vehículo causante volcado no medio da vía.
A policía decidiu acordoar a zona, permanecendo a vía cortada ao tráfico en ambos sentidos ata as 16.40 horas, recibindo a colaboración da Garda Civil, encargada de instruír as dilixencias.
O condutor do vehículo causante do sinistro non precisou asistencia médica nun primeiro momento, tendo que ser evacuados os dous ocupantes do segundo dos vehículos (condutor e acompañante) ao hospital de Barbanza por lesións que en principio parecen de carácter leve.
O condutor do vehículo causante (un varón de 26 anos con domicilio en Palmeira) dou positivo no test de drogas.

A poucos minutos das 14:20 horas, varias testemuñas do sinistro puxéronse en contacto co 112 Galicia para notificar que acababan de colidir frontalmente dous turismos na estrada DP-7307, ao carón da Praia da Ameixida. Ademais, na comunicación indicábase que había persoas feridas e que no interior dun dos coches implicados, que quedara envorcado na calzada, podía tamén haber persoas atrapadas.
De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia facilitáronselle os datos aos Bombeiros dos parques de Ribeira e de Boiro, ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e ao persoal de mantemento da vía.
Ao final, segundo a información brindada polos medios de intervención ao 112, houbo dúas persoas que resultaron feridas e que necesitaron ser trasladadas polos servizos médicos.
