A Deputación da Coruña presentará en Culturgal os seus premios literarios e de banda deseñada

24 Novembro 2021

A Cultura da Deputación da Coruña vai presentar os seus premios literarios e de banda deseñada na feira Culturgal de Pontevedra. Na cita, os gañadores e gañadora dos Torrente Ballester, González Garcés, Raíña Lupa e Castelao falarán o sábado das súas obras. A área provincial de Cultura colabora co tecido empresarial da provincia subvencionando 30 casetas para librarías, editoriais, produtoras, compañías de teatro, discográficas ou fundacións. A entidade provincial tamén achega a súa colaboración financiando o espazo que a feira cultural destina a bebeteca e cun concerto de Koroiev, finalista dos Premios Fran Pérez Narf.

O salón Culturgal 2021, que se desenvolve fin de semana (sábado 27 e domingo 28) no recinto feiral de Pontevedra, é en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto “” cita por excelencia do tecido cultural profesional en Galiza e a Deputación da Coruña, como vén facendo nos últimos anos, volve ter unha participación activa no seu desenvolvemento”. Neste sentido, o deputado fai fincapé en que “tras a edición tan especial do pasado ano, que se sustentou a través de canles en liña, este ano volvemos á presencialidade co ánimo de recuperar o contacto co público”.

Actividades

As actividades propias celebraranse a xornada do sábado e a primeira será un concerto de Koroiev ás 13:15 h no Auditorio. Convén lembrar que Koroiev é un proxecto de “electrónica onírica” en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro, que foi finalista na pasada edición do Premio Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais.

Tamén o sábado pola mañá, ás 13:45 h no Espazo Libro, a Deputación presentará a actividade Lecturas comentadas, na que participarán os gañadores da edición 2020 dos premios literarios: Daniel Asorey, gañador ex-aequo do Premio González Garcés, Xosé Ricardo Losada Vicente, gañador do Premio Torrente Ballester en galego, e Xosé A. Neira Cruz, gañador do premio Raíña Lupa.

No mesmo día pola tarde, ás 18:30 h e tamén no Espazo Libro, será a quenda dos gañadores dos Premios Castelao de banda deseñada 2020: Begoña García-Alén González, gañadora na modalidade xeral, e Andrés Magán Zamorano gañador na modalidade dirixida a público infantil e xuvenil. Ambas presentacións contarán coa presenza do deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Apoio a empresas

Son 30 as empresas, asociacións sectoriais e fundacións que contan con apoio da Deputación para ter presenza na Culturgal. A través da convocatoria específica da área de Cultura, cada unha destas empresas contará cunha caseta financiada polo ente provincial baixo a marca A Cultura é un Dereito. Entre esta trintena de empresas cóntanse librarías, editoriais, produtoras, compañías de teatro, asociacións sectoriais e fundacións como a Eduardo Pondal e a Rosalía de Castro.

Ademais, a Deputación da Coruña tamén colabora directamente coa Asociación Culturgal asumindo o financiamento directo do espazo no que se ofrecerá o servizo de bebeteca para o público máis novo da feira, de 0 a 3 anos.

Outros artigos

O cómico Luis Álvaro recala en Ribeira o 7 de febreiro

O prestixioso cómico Luis Álvaro incluíu Ribeira na súa exitosa xira polo territorio estatal. A cita en Santa Uxía será o vindeiro 7 de febreiro, no Auditorio Municipal, grazas ao acordo de colaboración entre o Concello e a promotora local de eventos culturais...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión