Un total de 88 concellos e 59 entidades sumáronse á campaña ‘De Fronte’ da área de Igualdade da Deputación da Coruña, dirixida a concienciar contra a violencia machista.
Trátase dunha campaña que comezou este xoves e terminará o 25 de novembro, no exterior da Biblioteca Provincial, na Coruña, cunha lectura colectiva de textos poéticos a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao.

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, volve activar a campaña “DE FRONTE á violencia de xénero” co obxectivo de apelar ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista. Trátase da campaña que organiza o entre provincial con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e que contempla un programa de actividades que apela directamente á implicación social, de maneira especial aos concellos e tamén ás distintas entidades sociais que traballan no territorio.
“DE FRONTE á violencia machista’ non é un lema, é un plan de traballo e de acción política” asegura a deputada de Igualdade, María Muíño, ao tempo que lembra que “desde a Deputación levamos xa moitos anos construíndo rede cos concellos, co tecido asociativo e coa cidadanía para planificar e desenvolver accións que afonden nas causas e solucións a esta grave problemática da nosa sociedade”.
En relación á campaña específica que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, María Muíño indica que “o obxectivo é concienciarnos da necesidade de non mirar para outro lado, non agochar a mirada, que sexamos conscientes de que non podemos ficar impasibles diante da violencia machista, que todas e todos temos que mirala de fronte e enfrontala, non admitindo discursos que a negan, procurando solucións, aportando recursos persoais e económicos, formando en igualdade, ou eliminando atrancos burocráticos ás mulleres vítimas e as súas fillas e fillos”.
Así, desde o vindeiro xoves día 4 e ata o xoves 25 de novembro, a área de Igualde da Deputación da Coruña, porá a disposición da cidadanía unha serie de actividades e recursos cos que seguir levando aos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e á violencia de xénero.
Programa de actividades
Xoves 11 de novembro de 19h a 20h. Auditorio Municipal de Rianxo.
“Violencias de xénero en mulleres maiores”. Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e Lara Fuentes Enjamio, técnica de FADEMUR-GALICIA serán as encargadas de expoñer como as mulleres maiores experimentan a discriminación de xénero en maior medida que as mulleres novas, e a discriminación por idade máis que os homes maiores; e como esta dobre discriminación está na base da invisibilidade da violencia de xénero.