Os Heredeiros da Crus abren na Coruña o novo ciclo de concertos Porto Maresía

05 Outubro 2021

Ortiga, Andrés Suárez, Guadi Galego e o histórico grupo barbanzán Heredeiros da Crus conforman o cartel de Porto Maresía, un novo ciclo musical que, do 25 ao 28 de novembro, ofrecerá catro noites de directos a ritmo de pop, rock e canción de autor da mano de Art Music, co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22. O evento celebrase entre A Coruña e Vigo. Os Heredeiros abrirán o programa no auditorio de PALEXCO, na Coruña, facendo un repaso en acústico do seu repertorio, no marco da súa Xira Angústica. Será o xoves 25 de novembro, ás 21.00 horas.

Mentres, Ortiga presentará o venres 26, ás 21.00h, tamén no escenario coruñés, o seu segundo traballo, Sabes el camino que elegí, con sabor a música urbana, pop tropical e autotune.

O Teatro Afundación de Vigo acollerá as dúas outras actuacións: Andrés Suárez regresará á cidade portuaria o sábado 27, ás 21.00h, achegando unha nova mostra do seu contundente directo; e, o domingo 28, ás 19.30h, a cantante de Cedeira Guadi Galego presentará o seu último disco, Costuras, unha xoia de letras maduras e atrevidas melodías coas que xera texturas únicas dentro do pop.

As entradas para os catro concertos de Porto Maresía estarán a disposición do público a través da plataforma Ataquilla.com a partir deste venres, 8 de outubro, ás 10.00h.

Outros artigos

Boiro presume de tecido cultural e asociativo

O Concello de Boiro organizou este venres o I Encontro do Tecido Cultural Boirense, unha xuntanza destinada a poñer en valor o labor das entidades, asociacións culturais e comisións de festas do municipio, ademais de establecer as bases para unha programación conxunta...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión