O Festivalo de Manselle (Dodro) celébrase este sábado 2 no recinto do CEIP Eusebio Lorenzo Baleirón

O clima dos días pasados non deu tregua, e finalmente a organización do certame Festivalo de Dodro, unha das grandes citas culturais deste remate da tempada, tivo que adiar a celebración até este sábado 2 de outubro. A cita, dado que se repite a alta probabilidade de chuvia, será no patio cuberto do CEIP Eusebio Lorenzo Baleirón.

O programa mantense e incluirá as actuacións musicais de Secho e Berlai. O festival conta co apoio da Deputación da Coruña e máis do Concello de Dodro.

Secho é un artista local que comezou a súa andaina co disco Xa fai un tempo (2016), publicado coa banda imaxinaria Os Invisibles. Estes meses está presentado Recuperar, que está a ter moi boa aceptación nas plataformas en liña (tal e como se desprende das reproducións obtidas en Youtube polo tema As sensacións)

Polo que respecta a Berlai, é o proxecto musical do artista compostelán Xiao Berlai, que nos vén de dar a coñecer un máis que interesante traballo discográfico xerado e madurado durante o confinamento pola COVID, Cas Berlai, chegado logo do éxito de pública e crítica do seu primeiro traballo, Desconhecido.