O BNG fixo un chamamento dende A Pobra a prol da inclusión social das persoas migrantes

25 Outubro 2021

Representantes autonómicos e locais do Bloque Nacionalista Galego mantiveron este 25 de outubro unha xuntanza de traballo cos responsábeis da organización humanitaria Sen Valos, para establecer medidas conxuntas a prol da integración social das persoas migrantes. Na reunión participaron o deputado do BNG Congreso, Néstor Rego, a deputada no Parlamento de Galiza, a pobrense Rosana Pérez, e a voceira municipal do BNG na Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo. A formación nacionalista comprometeuse a traballar no eido institucional para que “a lei de estranxeiría sexa modificada para garantir unha verdadeira cohesión social e que se respecten os dereitos do colectivo migrante, refuxiado e solicitante de protección internacional”.

Durante a xuntanza organizada polo BNG da Pobra do Caramiñal, a súa voceira, Amparo Cerecedo, agradeceu a participación dos deputados da formación nacionalista e a predisposición da ONG Sen Valos para falar sobre as liñas de traballo a desenvolver sobre a aplicación da lei de estranxeiría. Pola súa banda, o presidente da organización humanitaria, Patxi Hurtado, trasladou as inquedanzas existentes que se derivan dos procesos de regulamento e a adquisición de dereitos por parte das persoas inmigrantes. Segundo dixo, “estes procesos están vencellados a unha condicións laborais específicas como pode ser ter contratos laborais dun ano a xornada completa”. Estas condicións “son irreais e non están adaptadas á realidade existente”, explicou Hurtado, facendo saber que “esta situación provoca unha maior dificultade na regularización e, polo tanto, na adquisición de dereitos por parte do colectivo inmigrante, refuxiado e mesmo as persoas solicitantes de proteccións internacional”.

Para rematar, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprométese a traballar a prol da recuperación de dereitos e evitar a exclusión social. Segundo dixo, “as institucións públicas non poden virar as costas á realidade e deben asumir as súas responsabilidades nesta materia pois os fluxos migratorios prodúcense de maneira forzada por razóns de carácter económico, social, político e mesmo ambiental e cada vez son máis frecuentes”, comentou, engadindo que “as políticas dos países da Unión Europea, incluído o Estado español, provocan en moitas ocasións estes fluxos migratorios de refuxiados”. Na súa opinión, cómpren políticas que “favorezan o desenvolvemento social e económico que evite os fluxos migratorios”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.