O Museo de Artes acolle este sábado a entrega de galardóns do XII Premio de Gravado Atlante

17 Setembro 2021

A Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital inaugura este sábado 18 de setembro a exposición XII Premio Atlante de Gravado. A cita será a partir das 13.00 horas na sala 0 do museo, e contarase coa presenza do presidente da fundación e alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, do vicepresidente, Javier Expósito, do director do museo, Pastor Rodríguez, do deputado de Cultura da Deputación Xurxo Couto e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros persoeiros da política e da cultura. A inauguración da mostra acompañarase da entrega de galardóns do dito certame artístico.

Esta exposición poderá visitarse do 18 de setembro ao 15 de novembro de 2021 no Museo do Gravado.

Programa de actividades

-12.30h. Recepción de autoridades

-13.00 h. Inicio da cerimonia de entrega do XII Premio de Gravado Atlante

Retransmisión en directo en Canal Barbanza TV e por streaming na canle de Youtube do Museo do Gravado (a partir das 13.00 h).

Intervirán, por esta orde, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, director do Museo do Gravado, a soprano Esperanza Mara (que interpretará Lascia ch’io pianga, Deixa que chore a miña crúa sorte de Haendel), Javier Expósito, vicepresidente da FMAG, Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, José Manuel López Vázquez, catedrático de Historia da Arte na USC, e Alfonso Costa, pintor e gravador.

Entrega de galardóns

O xurado (formado por Alfonso Costa Beiro, Manuel Ayaso Dios, Carmen Hermo Sánchez, Isabel Pintado Palacio, Juan Monterroso Montero, Juan Manuel López Vázquez e José Daniel Buján Núñez) decidiu conceder o Premio Atlante Ramiro Carregal á artista galega Nuria Pena, pola súa obra Devezo. O galardón vén cunha contía de 5.000 euros.

Polo que se refire aos tres Premios Atlante, que inclúen un recoñecemento de 2.500 euros cada un, irán dar a Rajel Bronfman (Israel), por unha peza sen título, a Tomasz Winiarski (Polonia), pola súa obra Faces 7, e a Deborah Chapman (Canadá), pola peza L’espoir s’léve encore.

Pola súa banda, o Premio Galicia Pedras de Santiago (2.000 euros) recae nunha proposta sen título do galego Manuel Lareo.

Polo que se refire ás mencións de honra internacionais, foron dar Mirta Gendin (dende Arxentina, por unha peza sen título en impresión dixital) e a Vinicius Libardoni (dende Italia, pola obra Suspensión). As mencións de honra galegas distinguiron as contribucións de Paco Casal (por Tardiña na corredoira) e María Meijide Fraga (por unha peza sen título).

Entrega de cartafoles e clausura

Sobre as 14.00 horas, Manuel Ruiz, presidente da fundación e alcalde de Ribeira, fará entrega dos cartafoles cos gravados gañadores ás autoridades presentes e representantes dos Concellos da comarca.

O acto rematará cunha nova actuación da soprano noiesa Esperanza Mara, que interpretará os temas Negra sombra (texto Rosalía de Castro) e Quen puidera namorala (Emilio Batallán).

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...