A empresa CONGALSA celebrou este 22 de setembro unha xornada en liña para presentar os froitos do seu proxecto de Industria 4.0 destinado a convertela nunha compañía máis sustentábel e eficiente e mellor interconectada e xestionada, e tamén para abrir o camiño da transformación para outros emprendementos. O proxecto CONGALS4.0 da compañía alimentaria da Pobra do Caramiñal foi dado a coñecer nun acto que contou coa presenza de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e tamén de Luis Miguel Simarro, director xeral da empresa, e Luis Pérez Freire, director xeral do Centro Tecnolóxico Gradiant (co-artífice, xunto coa firma de produtos do mar, de CONGALS4.0). Segundo fixo saber Simarro, a compañía implantará tecnoloxía de Visión Artificial nos diferentes elos da cadea do seu sistema de produción e promoverá a dixitalización das súas factorías habilitando tamén técnicas de Realidade Virtual e Aumentada.
Isto será posíbel grazas ao ambicioso proxecto tecnolóxico de transformación no que está mergullada a empresa alimentaria, unha aposta cara a un modelo industrial interconectado abeirada ao Programa Industrias do Futuro 4.0, impulsado desde a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Segundo engadiu Simarro, o modelo industrial 4.0 promovido desde CONGALSA “fai fincapé na Visión Artificial como tecnoloxía integrada na compañía” e tamén pon o acento na dixitalización, na ciberseguridade, na cadea de bloques (blockchain), na aprendizaxe das máquinas (Machine Learning), na Intelixencia Artificial, na automatización de procesos, na Realidade Virtual e na Realidade Aumentada.
Crear unha fábrica intelixente
Segundo salientou Simarro, o obxectivo do proxecto é “crear unha fábrica intelixente a través da dixitalización de toda a cadea loxística integral e desenvolver un modelo de industria interconectada que axude a xerar tracción no cambio na nosa empresa”. E engadiu: “Trátase de desenvolver un modelo industrial máis flexíbel, automatizado e colaborativo, que nos permita mesmo anticiparnos ás demandas do mercado con criterios de sustentabilidade, transparencia e personalización”. Tamén fixo saberá que para a empresa da Pobra do Caramiñal “é fundamental unha interconexión continua no traballo, porque a innovación non implica só cambio tecnolóxico, senón que transcende de forma transversal a todos os departamentos da empresa na medida en que trae consigo novas formas de relacionarnos”.
O proxecto CONGALS4.0 está subvencionado por GAIN (Axencia Galega de Innovación) mediante o programa Industrias do Futuro 4.0. e co-financiado con cargo aos fondos FEDER no marco do Programa Operativo 2014-2020 Unha maneira de facer Europa.