A ANPA do IES da Pobra acordou iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a eliminación dos recortes sufridos no equipo de profesorado centro de secundaria e a dotación de persoal docente, no mínimo, coma no curso pasado. A iniciativa comezará a desenvolverse a partir deste 20 de setembro, co reparto dos pregos para recadar sinaturas nos estabelecementos hostaleiros e (a partir de mañá) tamén nos establecementos comerciais.
A semana que vén recolleranse os pregos coas súas adhesión e farase unha entrega deles no rexistro do Consistorio da Pobra, acompañada esa entrega dunha concentración na praza de diante do Concello. Alí procederase a facer un chamamento á cidadanía da Pobra a sumarse a estas accións, tanto á recollida de sinaturas coma á concentración, xa que “está en xogo o futuro da educación dos noso fillos e fillas e polo tanto o propio futuro da nosa vila”, explicou a ANPA este luns 20 en rolda de prensa.
A asociación tamén comunicou de xeito detallado as principais repercusións e datos referidos aos recortes de profesorado:
– En 1º de Bacharelato eliminouse todo o itinerario de humanidades completo (grego, latín e literatura universal)
– En 2º de Bacharelato eliminouse electrotecnia, fundamentos da administración e xestión, debuxo artístico, ética e filosofía do dereito, filosofía da ciencia e da tecnoloxía
– En 1º de Bacherelato, robótica, tecnoloxía, linguaxe musical, antropoloxía.
– En 4º da ESO música e cultura clásica.
Así pois, explica a ANPA, “son 14 materias menos en relación ao ofrecido dende o centro ano pasado”, cousa que “non só reduce a oferta educativa, senón que impide que os nosos fillos e fillas podan escoller itinerarios axeitados aos estudos superiores que no futuro podan desenvolver, furtándolles posibilidades e alternativas de estudo e de preparación para o futuro”.
A asociación tamén pon o foco nos seguintes problemas aos que enfronta o IES:
–Incremento da ratio. Aumentar a ratio do alumnado dos 15-18 alumnos e alumnas do curso pasado a aulas com 24-27 alumnos e alumnas neste curso. Aumento que “indubidabelmente repercutirá negativamente na calidade educativa que recibirán os noso fillos e fillas e na imposibilidade dunha atención adecuada aos alumnos e alumnas con maiores necesidades”, explican, engadindo que “esta situación de redución na calidade educativa veríase incrementada coa necesidade de dar as materias por profesorado non especialista nelas”.
–Eliminación de materias na oferta educativa do centro,co que iso supón de empobrecemento e da imposibilidade dunha formación adecuada, “xa que impide que moitos dos nosos fillos e fillas podan ter itinerarios adecuados para continuar a súa formación posterior en ciclos educativos superiores, pechando polo tanto alternativas de futuro para eles e elas”.
–Redución de tarefas de garda e vixilancia. “Tendo en conta as características arquitectónicas do centro e a necesaria redución ou eliminación de tarefas de garda e vixilancia por parte dun cadro de profesores recortada, é evidente que esas tarefas non se van poder desenvolver de maneira correcta, máxime nunha situación de pandemia que aínda estamos padecendo”, engaden.