O divulgador Lois Oreiro avogou na Pobra por un uso máis crítico e enriquecedor das novas tecnoloxías

28 Agosto 2021

O auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal acolleu na tarde deste venres 27 a presentación do libro Os mundos de agora, do xornalista Lois Oreiro. Trátase dun ensaio no que se reflexiona sobre a pegada tecnolóxica, o tratamento dos nosos datos e como mudaron os hábitos e frecuencia de consumo de contido dixital, poñendo tamén a vista no futuro. Segundo expuxo o propio autor, “temos a vista presa na pantalla do móbil e a presenza dixitalizada, chegando en moitas ocasións a deixar de vivir o momento para retransmitilo, pois existe a necesidade de conectividade total e completa, aínda que non haxa contido nin información”. Neste senso, fixo fincapé en que “non é o mesmo transmitir e vivir”.

O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), manifestaron que a obra ofrece “unha perspectiva interesante sobre unha cuestión que mesmo resulta intrigante”, algo que se pode constatar, sinalaron, “na publicidade que amosan as redes sociais e que se adapta a cada persoa usuaria segundo asuntos ou produtos consultados nos buscadores da Internet”.

Pola súa banda, o neurocientífico Xoán Casto Rivadulla describiu o libro como “atrevido” ao igual que “moi pensado, traballado e argumentado” e valorou que “os mundos de agora son complexos, pero igual polo comportamento humano máis que pola tecnoloxía”, así como que “o algoritmo é unha representación da sociedade na que vivimos. O algoritmo non é o problema, somos nós”.

A obra

Publicada por Galaxia, Os mundos de agora forma parte dunha nova colección de ensaio sobre temas de actualidade (Hoxeéhoxe) lanzada pola editorial galega. No seu libro, Oreiro reflexiona sobre o concepto de transhumanismo e insta a ter unha mirada crítica sobre os fenómenos de transformación tecnolóxica que nos rodean, e que pouco a pouco van mudando a sociedade até ter un impacto nas nosas vidas que non só era imposíbel de predicir hai varias décadas. Tamén pon o foco na progresiva desaparición das fronteiras entre o dixital e o humano, “un proceso que se vai ligar a necesidades como a saúde e o emprego”, e que poden levarnos a lexitimar unha radical transformación da intelixencia, os sentidos ou incluso as emocións.

Lois Oreiro (Zas 1966) é escritor e xornalista. Traballa na TVG. Licenciado en Ciencias da Información pola UCM, entre 1989 e 2004 foi reporteiro da CRTVG fóra de Galicia e de volta aquí alternou ese labor con colaboracións noutros medios audiovisuais. Publicou artigos en Grial, Diario de Pontevedra, La Opinión de A Coruña, Xornal de Galicia e Avui.cat. É autor do libro Xallas. Teoría da existencia e do poemario Uns ós outros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Peridis en Redondela”. Alberto Barciela

“Peridis en Redondela”. Alberto Barciela

“Intentar definir el humorismo, es como pretender atravesar una mariposa, usando a manera de alfiler un poste telegráfico”. Así lo decía Enrique Jardiel Poncela, dramaturgo y novelista español, que a veces sabía muy bien lo que no quería saber. Es, diría yo, como...

“Bamos llendo acia- Vamos yendo hacia” – Manuel Domínguez

“Bamos llendo acia- Vamos yendo hacia” – Manuel Domínguez

Bamos llendo acia- Vamos yendo hacia. Hoy en día no hay razón ninguna, en absoluto para escribir de esta forma tan cruel, que hiere los ojos. Todos los bares tienen prensa gratuita, al momento de tomar un café, cuando se leen las noticias deportivas, prestar un poco...