Comeza este 19 de agosto a Semana do Mar na Pobra con charlas, rutas, xogos infantís e un mercado mariñeiro

O Goberno local da Pobra, co obxectivo de pór en valor e reivindicar o vínculo do concello co mundo mariño, impulsou unha nova edición da Semana do Mar, que vén cunha programación para todos os públicos que comeza este 19 de agosto coa habilitación do Mercado Mariñeiro (ata o día 22) na praza Alcalde Segundo Durán.

A Semana do Mar, impulsada pola Concellería de Turismo que dirixe Charo Varela (Nós Pobra), inclúe tamén a charla A pesca artesanal e sostible, orgullo do noso, da man de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son e divulgador do seu oficio. Será ás 20.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

Nesa mesma xornada, as mariscadoras da Asociación Mar da Pobra explicarán o seu labor nunha xornada de turismo mariñeiro que transcorrerá na praia dos Raposiños. A visita sairá da oficina do turismo ás 10.30 horas.

Mariscadoras da Pobra nunha xornada de turismo mariñeiro

Para o día seguinte, 21, configúranse dúas propostas. Por unha banda, o percorrido do Camiño de Santiago A Orixe ó seu paso pola Pobra do Caramiñal, guiado pola Asociación Amigos do Camiño do Barbanza A Orixe. O punto de encontro será na explanada portuaria ás 09.00 horas e tamén haberá autobús para realizar o desprazamento ata a praia da Corna, de onde partirá (a pé) a ruta que finalizará no centro urbano.

Así mesmo, na praia dos Areos, dende as 11.00 ata as 12.30 horas, desenvolverase a actividade infantil A pesca-la troula que consistirá en contacontos, títeres, maxia mariñeira, contaxogos etcétera.

E, finalmente, no día 28, o xornalista Manuel Gago ofrecerá un paseo guiado polo litoral pobrense. Titulado Contos, lendas e historias a carón do mar, o percorrido comprende dende a praia da Illa ata o convento de Santo Antonio. Establécese como punto de encontro a explanada portuaria, ás 10.45 horas, dende onde un autobús trasladará as persoas participantes ata o referido areal.

Todas as actividades están suxeitas a grupos limitados e ó uso da máscara. Agás para o mercado mariñeiro, requírese a inscrición previa no teléfono 981 843 280, marcando a extensión 2035, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou presencialmente no punto de información turística, situado na Casa Mariñeira, de luns a sábado.

Máis información na propia oficina do turismo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal, ou a través dos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835.