Un dos premios de Lingua Namorar recala na Pobra

02 Xullo 2021

A lingua galega e as novas tecnoloxías foron as grandes protagonistas do ámbito institucional autonómico, na xornada deste 2 de xullo. O motivo? A entrega de premios (no Pazo de San Roque, en Santiago) da nova edición do certame Lingua de Namorar, concurso creativo de mensaxes de amor convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude. Foi novamente unha ocasión para salientar a boa sintonía entre as redes dixitais, a creatividade poética da nosa mocidade e a lingua galega. Entre as premiadas atopábase a moza da Pobra Lara Hernández.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, na presentación do certame Lingua de Namorar, celebrada recentemente

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, recibiron ás persoas gañadoras para facerlles entrega de cadanseu galardón.

O responsábel de Política Lingüística quixo destacar a importancia da promoción do uso do galego na mocidade, xa que se trata “dun dos eixes prioritarios nas políticas lingüísticas que levamos a cabo desde o Goberno galego. Por iso este certame, que xa leva case unha década en marcha ten unha vixencia plena.” Ademais, Valentín García resaltou a “perfecta combinación que este concurso fai entre tecnoloxías e lingua galega para chegar aos máis novos e difundir así a idea de que o galego é tan apto para os afectos e a creación literaria como para o mundo da Internet”.

Pola súa banda, a directora xeral puxo en valor “a creatividade da mocidade galega, que se volve demostrar un ano máis con Lingua de Namorar”. Así mesmo, animou ás persoas participantes deste certame a presentarse á Xuventude Crea, cuxa convocatoria está previsto abrir a semana que vén.

Canda os representantes das consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Política Social, participou a escritora e voceira do xurado, Rosalía Morlán, e a comunicadora María Canosa, encargada de conducir a entrega.

Sete premiadas e premiados entre case 300 participantes

Na categoría A, que inclúe os mozos e mozas de 14 a 19 anos, resultaron gañadoras co primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente as mensaxes Penso en ti, de María Rey Villar (A Coruña), Sol e Lúa, de Lucas Paz González (A Coruña) e Amar mentres a vida avanza lento, de Lara Hernández Iglesias (A Pobra do Caramiñal).

Pola súa banda, os textos premiados na categoría B para os participantes de 20 a 35 anos foron, en primeiro lugar, Rea(r)mar, de Lara Álvarez Álvarez (Redondela), en segunda posición, O fío da vida, de Leticia Cid Cid (San Cibrao das Viñas), e, pechando o podio, KÓX3G∆S, de Andrea López Otero (Pantón), quen non puido estar presente no acto de entrega.

Na categoría C, incluída por primeira vez nesta edición para os participantes que se animaran a compartir as súas mensaxes de amor a través de Instagram, estreou o premio acumulando o maior número de gústames na dita rede social, José María Trigo González (Pontevedra).

Nas dúas primeiras categorías, o primeiro premio foi unha bicicleta eléctrica, o segundo unha tableta de 10,1 polgadas e o terceiro unha cámara deportiva.

Na nova categoría para Instagram, o único premio foi tamén unha bicicleta eléctrica.

A maiores, todas as persoas gañadoras recibiron unha peza de artesanía conmemorativa da X edición de Lingua de Namorar xunto cun lote de libros e música de literatura galega sobre Xela Arias, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...