O Museo do Gravado de Artes achega en Compostela unha importante mostra sobre as vistas da Roma antiga de Piranesi

O vindeiro martes 13 de xullo, ás 20.00 horas, vaise celebrar en Compostela a inauguración dunha das máis importantes exposicións artísticas de cantas se van poder ver esta tempada en Galicia: unha mostra sobre o artista italiano Piranesi titulada Vedute – Vistas da Roma antiga – Cárceres. Será no salón nobre da Universidade de Santiago de Compostela. A exposición ocupa as dúas salas do Pazo de Fonseca (USC) con 44 obras dos fondos pertencentes ao Museo do Gravado de Artes (Ribeira). Ficará aberta até o 28 de agosto.

Giambatista Piranesi (1720 – 1778)

Nacido en Venecia, formouse primeiro como arquiveiro entre 1735 e 1740, para estudar logo co gravador Carlo Zucchi. En 1740 viaxa a Roma, onde se forma como escenógrafo cos irmáns Valeriani ata 1742 e, ao ano seguinte, publica a Prima Parte di Architetture e Pospective. Viaxa logo a Nápoles e, en 1744, publica A vila real Ambrosiana. Xa en 1745 aparecen as Varie vedute di Roma Antica e Moderna. Dende ese último ano vive en Venecia e comeza a primeira serie das Carceri.

En 1747 volve a Roma e comeza as Vedute di Roma, que o ocuparán o resto da súa vida e comeza asemade as Antichità romane de’ tempi della Repubblica, que publica en 1748. En 1751 edita Le Magnificenze di Roma, en 1752 a Raccolta di varie vedute di Roma, e no ano seguinte os Trofei di Ottaviano Augusto. En 1761 publica os Carceri e Della Magnificenza ed Architettura de’ Romani, ano no que é elixido académico de San Lucas. En 1762 edita as Lapides Capitolini, Il Campo Marzio e a descrición e deseño do Emisario do Lago Albano.

En 1764 aparecen catro obras importantes: Antichità d’Albano e di Castel Gandolfo, Blackfriards Bridge in London, The Works in Architecture e Raccolta di aleuni disegni del Guercino. En 1766 finaliza a restauración da igrexa de Santa María do Priorato. E en 1769 edita as Diverse Maniere d’adornare i cammini. Entre 1773 e 1775 publica as ilustracións da Columna de Traxano e a Columna de Antonino, e en 1777 viaxa a Paestum para debuxar os templos: Pianta di Roma e del Camp Magno e Vasi, candelabri, cippi, sarcophagi, ano no que inicia as Différentes vues de Pesto, pero falece o 9 de novembro en Roma.

En 1792 publícase o primeiro catálogo da súa obra completa.

Piranesi é un dos grandes artistas da historia do gravado con augaforte e do xénero das vedute (vistas). As súas obras tiñan para el a intención de cambiar a realidade, de restaurar a grandeza pasada. Os seus gravados amosaron realidades inimaxinábeis e sen precedentes, sempre revelaban algo novidoso, pero conseguiu unha asombrosa variedade, unha gran precisión no debuxo e a vontade de ensinar aspectos descoñecidos ata ese momento.