A Casa da Cultura da Pobra achega unha mostra fotográfica sobre como sobreviven as comunidades pesqueiras tradicionais

22 Xullo 2021

A Casa da Cultura Raquel Fernández Soler, na Pobra do Caramiñal, vai acoller máis de setenta fotografías sobre o día a día das comunidades pesqueiras tradicionais. A mostra, que se inaugura este 23 de xullo, ficará aberta até o 27 de agosto. Vén da man de Afundación, Abanca, e máis o Concello da Pobra do Caramiñal (a través da área de Cultura que dirixe Patricia Lojo). A mostra Fillos do océano, así se fai chamar, é unha síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Teniente tomou, durante varios anos, nunha viaxe por contornas mariñeiras de todo o o mundo.

A exposición está composta por máis de setenta instantáneas que presentan a forma de vida de poboacións vencelladas á pesca artesanal, polo que dependen exclusivamente do mar e están a sufrir o esgotamento dos recursos mariños por sobreexplotación ou por causa da contaminación.

Fillos do océano constitúe unha homenaxe a esa xente do mar, pero tamén “unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños”, segundo fai saber o Concello da Pobra, que engade que as visitas pódense efectuar de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30 e de 19.00 a 21.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.

Esta colaboración é parte do proxecto Corrente cultural, co que Afundación e ABANCA están promovendo un programa de exposicións en diferentes localidades galegas, e que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...