Xa están abertas, por sétimo ano consecutivo, as inscricións para a Carreira pola Diversidade da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional. A carreira celebrarase este domingo 11 de xullo do 2021 ás 10.00h na explanada de Coroso, Ribeira. Ten como obxectivo “poñer en valor a práctica deportivas das persoas con diversidade funcional e reivindicar a capacidade de transformación social do deporte inclusivo”, en palabras da asociación Ambar, con sede principal en San Roque (Ribeira)

Nesta edición a carreira contará con límite de prazas, 150 exactamente, respectando deste xeito a normativa COVID vixente para eventos deportivos e garantindo a seguridade das persoas asistentes.
A organización fixo saber que este ano houbo unha importante novidade para contrarrestar estas limitacións: como complemento a modalidade presencial da carreira, ofrécese a posibilidade a aquelas persoas que así o desexen de realizar unha andaina virtual escollendo a súa propia ruta. “Con esta iniciativa pretende chegarse a un número maior de persoas e promover a participación e convivencia cos valores de Ambar: independencia, apoderamento, inclusión efectiva, diversidade, cooperación e solidariedade”, explicou a asociación.

A carreira dará comezo ás 10:00h da mañá na explanada de Coroso e rematará ás 11:00h.
Mentres, a andaina poderá desenvolverse ó longo de toda a fin de semana ata ás 23:59h do domingo.
A inscrición pode facerse xa en cronotec.es até esgotar prazas ou no seu defecto ata o 8 de xullo ás 23:59h. Nesta mesma páxina pode colaborarse co Dorsal 0 unha cota solidaria para aquelas persoas que queiran colaborar coa carreira pero non poidan asistir. Ademais as persoas que se inscriban antes do 19 de xuño entrarán no sorteo dunha sesión de fisioterapia no Centro de Fisioterapia e Rehabilitación María Martínez Paz e dunha clase para dúas persoas de surf con Geckos Surf & SUP School.
A cota de inscrición é de 6€ e a recadación será destinada á adquisición de material para a prevención do contaxio por COVID-19, para as persoas con diversidade intelectual. As modalidades de inscrición son as seguintes:
Modalidade 5K Zapatilla absoluta.
Modalidade 5K Zapatilla inclusiva (Poderán inscribirse nesta categoría todas as persoas con diversidade intelectual, sensorial ou motriz que non se inclúan en ningunha das outras modalidades.)
Modalidade 5K Handbike.
Modalidade 5K Cadeira de atletismo.
Modalidade Andaina: ruta de km libre.
As orixes da Carreira pola Diversidade
A Carreira da Diversidade, empezou a súa andaina na Barbanza no ano 2015, convertendo á nosa comarca “nun referente a nivel galego” neste ámbito deportivo-inclusivo. A proba, explica Ambar, “supuxo todo un avance por tratarse dunha competición deportiva de carácter inclusivo, pioneira na comarca e segunda en toda Galicia, na que puideron participar deportistas nas modalidades de handbike e cadeira de rodas, excluídas na maioría das probas en Galicia.
Ata ese intre, de feito, as únicas probas deportivas que incluían a deportistas con mobilidade reducida foran as realizadas na cidade de A Coruña e Lalín.
A Carreira da Diversidade superou a participación e persoas con diversidade funcional destas dúas probas, poñendo a esta carreira á cabeza de probas deportivas inclusivas.
Contou coa participación de deportistas paralímpicos e de elite como Mila López Vernet, Álvaro Illobre ou José Manuel de la Iglesia. Así mesmo para a promoción da carreira nas diferentes anualidades implicáronse grandes atletas e deportistas recoñecidos como Fabián Roncero, Jesús de la Osa, Fernando Romay, Killian Jornet, Marta Arce, Sabela Pensado e Carlos Brión.