O Centro Náutico do Freixo acollerá unha xornada sobre novos xeitos (sustentábeis e innovadores) de facer turismo

O Centro Náutico do Freixo do Concello de Outes vai acoller este mes de xuño unha xornada sobre turismo destinada a poñer o foco nas fórmulas de negocio máis axeitadas (fórmulas sustentábeis, innovadoras, tecnolóxicas e que aposten de cheo pola recuperación e reivindicación do patrimonio e a paisaxe) para acadar a plena revitalización do sector na contorna do termo municipal e, por extensión, na contorna galega. Será o 18 de xuño, entre as 19.00 e as 21.00 horas.

A xornada abéirase ao ciclo Cara a unha economía local rexenerativa, organizado pola Asociación Deloa co Concello de Outes e a Fundación Paideia.

Exterior do Centro Náutico do Freixo nunha imaxe do Concello de Outes

O obxectivo desta cita é achegar un marco de “reflexión e debate sobre como facer un modelo de actividade turística sustentábel e incluso rexenerativa”. A asistencia é de balde e pódese formalizar a través da web de Deloa.

Participarán (na presentación da xornada do 18 de xuño) Manuel González, alcalde de Outes, e Paca Gago, xerente de Deloa. A continuación intervirán Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, Lucía freitas, chef de A Tafona, Silvia Barreira, especialista en hostalería e turismo (H4 Soluciones), e Juan Antonio Rodríguez, responsábel do proxecto de emprendemento Tremuzo. Tamén intervirá Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.