O Camiño de Santiago e a loita pola inclusión, protagonistas da mediametraxe xacobea de Amicos

Este venres 11 de xuño a Asociación Amicos presentou o seu proxecto encadrado nas celebracións do Xacobeo 2021 – 2022. Trátase da mediometraxe Reporteiros no Camiño, un audiovisual de ficción onde os compañeiros de Amicos decidiron apostar por un percorrido xacobeo accesíbel e ceibe de barreiras, pondo en valor o patrimonio cultural e natural de Galicia. Na cita de hoxe cos medios de comunicación deuse a coñecer o tráiler da mediometraxe e, tamén, aos grandes protagonistas do mesmo: Marcelino Romero, integrante do Fogar Amicos e Carolina Castro, usuaria do Centro diúrno de Amicos.

Sinopse

Marcelino e Carolina fan o Camiño de Santiago motivados por un obradoiro de teatro que vén impartir ao Centro de Amicos o actor mazaricán Federico Rey. Federico pide a Carol e a Marcelino que o seu próximo papel é o de “ser xornalistas”, meténdose na pel de cronistas do Camiño e botándose ao mesmo para entrevistar ás persoas que se atopan no traxecto, ás que lles preguntan directamente polas súas vivencias e as súas historias. No seu periplo de investigación, pasan polos concellos de Meis, Catoira, Illa de Arousa, Pontecesures e Rois ata rematar en Santiago. En cada lugar terán un encontro cun protagonista moi especial que lles explicarán que é o que poden visitar de cada territorio.

Por exemplo, estarán con persoeiros tan especiais como o actor Carlos Blanco, que lles contará a historia da Illa de Arousa.

Declaracións

“Foi unha experiencia inesquecíbel e sentinme moi arroupada por todos. Fixen de reporteira e actriz á vez. Debo lembrar que eu e Marcelino temos unha discapacidade, pero isto non impediu que emprenderamos esta aventura”, indicou Carolina Castro, mostrando a súa satisfacción por ter formado parte do proxecto.

“A rodade foi perfecta, só foi a veces complicada a meteoroloxía. O que máis me impresionou foi o Pazo de Faramello como lugar, e reatoparme con Camilo en Rois”, sinalou Marcelino.

“O audiovisual Reporteiros no Camiño é unha aposta de ficción para mostrar o Camiño de Santiago máis inclusivo” indicou na presentación Digna Iglesias, vicepresidenta da asociación.

“Foi todo un reto facer o percorrido xacobeo deste xeito, sen barreiras, que era o obxectivo principal da iniciativa dende a súa orixe”, explicou Lesmes Iglesias, realizador da mediametraxe.

“Eliximos os concellos de Meis, A Illa de Arousa, Catoira, Pontecesures e Rois, xa que son termos municipais pequenos de cinco mil habitantes e queriamos darlles visibilidade dentro do Camiño Portugués e no marco da ruta do mar de Arousa e río Ulla”, explicaba Gabriel Rodríguez, responsábel do departamento de comunicación de Amicos.

Marcelino, co-protagonista da mediametraxe

Os protagonistas

Os protagonistas son, como dixemos, Carolina Castro e Marcelino Romero. Os dous son compañeiros da Asociación Amicos e convertéronse en actores para facer esta mediametraxe. Marcelino Romero vive no centro que a entidade ten en Boiro dende fai 4 anos, é unha persoa moi envorcada na aprendizaxe continua de coñecementos, afeccionado á escritura e á lectura. De feito, escribe os seus propios poemas e vivencias. Fixo sete veces o Camiño de Santiago, polo que xa é todo un experto na materia. Incluso traballou como voluntario nalgúns albergues do Camiño.

Carolina Castro

Carolina Castro é unha persoa experta en superar a adversidade. Tras sufrir un accidente de pequena, conseguiu saír adiante e grazas á súa forza demostrou que nada pode detela. Unha das cousas que máis lle gusta é camiñar e pasear, sobre todo ao lado da súa nai, a persoa que máis quere no mundo. Nunca fixo o Camiño de Santiago, polo que esta viaxe foi un soño para ela.