O alumnado do Grupo e os artistas Manuel e Mónica Ayaso xuntan forzas para unha histórica publicación: Paxarada

21 Xuño 2021

Este luns ao mediodía presentouse en Ribeira unha publicación local destinada a incrementar o interese de persoas de todas idades polo medio natural, a arte e a creación literaria. Estamos a falar do libro Paxarada, impulsado pola ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira e o propio centro educativo ribeirense co obxectivo complementario de mostrar a gran riqueza poética (e divulgadora) que xorde da confluencia entre as artes e o medio ambiente, obxectivo reforzado pola presenza de artistas locais tan sobranceiros como Manuel Ayaso (Aguiño, 1934) e a súa filla Mónica Ayaso Rivas, que proporcionaron os seus debuxos ao proxecto. O libro tamén contén fermosos poemas sobre paxaros realizados polo alumnado de Primaria do CEIP O Grupo e haikus escritos polos cativos de Infantil.

A publicación conxunta presentouse no pavillón do colexio ribeirense, coa presenza do equipo directivo con Nieves Lampón á súa cabeza, os coordinadores do proxecto (a mestra de infantil Sara Reiriz e o secretario da ANPA, Unai González) e a presidenta da ANPA, María Xosé Blanco, ademais de Ayaso e a súa filla Mónica, que entregaron parte dos 400 exemplares editados a arredor dun cento de nenos e nenas de primeiro e segundo curso de Primaria (exemplares que tamén chegarán ao resto das familias o derradeiro día de curso, este martes 22).

Asemade, deuse a coñecer unha edición dixital en PDF que será pendurada na web do centro educativo cunha ligazón ás redes sociais da ANPA. A publicación está en parte subvencionada pola Deputación da Coruña.

Na cita deste luns acudiu o alumnado de todos os cursos de primeiro a sexto, que, xunto co resto da comunidade educativa, conformaron un auditorio de preto de 300 persoas. As nenas e nenos do Grupo non quixeron deixar pasar a ocasión de expresar o seu agradecemento a Manuel e Mónica Ayaso, e, para mostralo, agasalláronlles un traballo artístico feito por eles para a ocasión máis un ramo de hortensias.

Pai e filla dirixíronse aos cativos mostrando a súa satisfacción polo proxecto e desexando que “de entre todo a alumnado saia algún artista que leve o nome de Ribeira e Galicia por todo o mundo”; tamén lles deron as grazas ao colexio, á ANPA e ao alumnado por “ter participado nesta fermosa actividade”. No transcurso do acto realizaron en situ un debuxo conxunto adicado ao colexio (que será enmarcado e colgado nas súas paredes) e entregaron un exemplar da publicación a cada neno e nena presentes dedicándollos persoalmente a moitos deles; realizaron tamén unha foto coa dirección do colexio e os membros da ANPA.

A orixe

Segundo se informou no acto deste luns, o proxecto xurdiu dende o colexio e contou coa colaboración da ANPA dende o primeiro momento, facendo posíbel unir literatura, paisaxe e coidado do medio natural coa arte da man das novas xeracións a un experimentado artista recoñecido a nivel internacional.

O proxecto xurdiu coa intención de darlle continuidade en vindeiros cursos con outros artistas. “Trátase dun libriño que mestura a ilusión e maxia literaria dos cativos co talento e a creatividade dun artista con maiúsculas como é Manuel Ayaso, nesta ocasión, acompañado da frescura dos debuxos da súa filla Mónica”, explicou Unai González na presentación celebrada este 21 de xuño.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.