Na Pobra convocado un proceso selectivo para a bolsa de emprego dunha brigada de prevención de incendios

O Concello da Pobra convocou un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego con vistas a unha brigada de prevención de incendios, unha vez aprobadas as bases reguladoras. Farase mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal. Concretamente, os postos de traballo ofertados son os de capataz, condutor/condutora e peóns/peoas da brigada para a participación na prevención e defensa contra os lumes forestais.

O Concello sinala que a dita medida abéirase á segunda addenda do convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería do Medio Rural e a entidade local para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante o 2019, co-financiado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, pola cal se prorroga a vixencia do dito convenio ata 31 de decembro de 2021, e na cal se financia a contratación dunha brigada de 5 membros para a realización de tarefas de prevención, defensa e extinción de incendios forestais durante tres meses.

Será preciso reunir unha serie de requisitos, referidos á data en que remate o prazo de presentación de instancias, ademais dos de carácter específico en función do posto a que se opte.

As persoas interesadas deberán solicitar a súa participación mediante a presentación da instancia que se recolle no anexo II das mencionadas bases, dirixida ó alcalde. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 08.00 a 14.00 horas, no prazo de 5 días hábiles que se contarán a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste mércores 16.

Se optaren por entregala nunha oficina de Correos, farano nun sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada pola funcionaria/o de Correos antes de ser certificada. Neste caso e cando se presente a instancia noutro rexistro público diferente ó da Administración local pobrense, as persoas solicitantes, antes de rematar o prazo de presentación de solicitudes, deberán remitir unha copia escaneada da instancia debidamente selada ou rexistrada ó enderezo electrónico rexistro@apobra.gal. Xunto coa solicitude débense achegar as copias simples dos documentos indicados nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.