O Museo Valle-Inclán impulsa a recuperación de clixés orixinais de obras do escritor

Esta iniciativa suma un interés especial, como é o da recuperación e impresión dos fototipos orixinais conservados por don Ramón, e poñelos en valor como pezas artísticas mais de cen anos despóis. Entre as pezas exhibidas no acto onde se informou deste proxecto, aberto no tempo, mentras prosiguen as labores de identificación, limpeza, restauro e impresión dos orixinais salvagardados, figuran o primeiro retrato publicado en prensa de España (1895), que ten a curiosidade de ser o único con don Ramón cos dous brazos, e unha das excasisimas imaxes do seu pai, o pobrense Ramón del Valle Bermúdez.

Mentres aínda segue facéndose notar na Pobra a celebración das Letras Galegas, a localidade dispúxose este 18 a conmemorar outra data sinalada que lle toca de preto: o Día Internacional das Museos. Fíxoo dende unha das grandes xoias museísticas da nosa comarca, o Museo de Valle-Inclán, anunciando a recuperación e impresión de clixés orixinais de diversas obras do escritor que dá nome ao referencial centro de exposicións da Pobra.

Segundo fixo saber o Concello, estes clixés son deseños que se configuraron sobre pranchas metálicas para, posteriormente, plasmalos no papel e dar forma ás portadas dos libros de Ramón María del Valle-Inclán.

A sala Iconografía Contemporánea acolleu o acto de presentación desta iniciativa, ao cal asistiron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González; e o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

A edil destacou a “relevancia destas pezas que contan con aproximadamente un século de historia e para as cales se precisa maquinaria desa época co fin de lograr a súa reprodución en soporte papel”. Segundo engadiu, estas pezas constitúen “recursos de interese para conformar futuras exposicións” e configuran “novo material para as persoas que se dedican á investigación, ademais de enriquecer o labor divulgativo que se fai dende a institución museística”.

Pola súa banda, o director do Museo Valle-Inclán explicou que se trata sobre todo de motivos ornamentais a través da técnica do fotogravado para trasladar unha serie de imaxes a revistas ilustradas da época e a primeiras edicións deste autor pertencente á xeración do 98.

Tamén houbo palabras de agradecemento a Xaquín del Valle-Inclán Alsina por ceder estas pezas da súa colección particular. Pola súa parte, o investigador focalizou a súa intervención nalgunhas das reproducións expostas no transcurso da presentación: unha das primeiras caricaturas coñecidas de Valle-Inclán publicadas na prensa un século atrás e un retrato de don Ramón del Valle Bermúdez, pai do intelectual de renome.