Este 25 de maio celebrouse na Pobra a charla musicada Irás, Dirás, Virás en homenaxe a Xela Arias, a poeta honrada este 17 de maio con motivo do Día das Letras Galegas. O espectáculo celebrouse no Auditorio do Museo Valle-Inclán. As persoas asistentes puideron coñecer así o lado máis íntimo da editora, tradutora, poeta e profesora, que se converteu na quinta muller a quen se lle dedica esta celebración.

Clara Pino comezou o acto ofrecendo un repaso pola amizade que a unía a Xela, e reviviu especialmente a época universitaria que compartiron nos anos 90. Ademais, expuxo algúns datos biográficos e afondou nalgunhas das súas obras que tamén constitúen un reflexo das distintas etapas vitais da súa confección: Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome.

A maiores, proxectouse un dos seis episodios que compoñen a serie documental producida pola Real Academia Galega arredor da figura da poeta. Pablo Vidal rematou a charla coa interpretación de varios poemas no piano.




