O BNG de Noia e Outes pide que se inclúa a reposición do peitoril orixinal na restauración da Ponte Nafonso

Xan Maríño, María Xosé Suárez e Ricardo Suárez na rolda de prensa celebrada este 17 de marzo

Representantes do BNG de Outes e Noia, xunto co historiador Xoán Mariño, achegáronse este 17 de marzo a Pontenafonso, a contorna limítrofe entre os dous ditos concellos, para solicitar ao Goberno galego a modificación do proxecto para restaurar e pór en valor a histórica ponte que une os dous municipios, e que o faga “incorporando a reposición do peitoril de pedra orixinal e unha actuación integral na súa contorna”.

Lembran os nacionalistas que constitúen “o único partido que leva anos demandando unha actuación importante na ponte, pois esta atopase nun estado de abandono inaceptábel”. E engaden: “Durante esta última década foron constantes as iniciativas que presentamos en ambos concellos lindeiros, así como as reclamacións á Xunta por non atender a esta problemática”.

Os nacionalistas, se ben acollen “con ledicia” que o Goberno galego queira actuar, consideran que “é primordial un cambio sobre o proxecto proxectado”, xa que a pretensión, din, “é substituír unha varanda de ferro por outra semellante”. Sobre estes puntos coincidiu o historiador Xan Mariño, quen dixo non entender que “con 707.000 euros de investimento non se aposte por repoñer o peitoril de pedra histórico que foi retirado no século XIX para ensanchar a ponte”. Ademais os voceiros do BNG de ambos concellos quixeron instar aos dous Gobernos locais a que cumpran coas iniciativas presentadas para estes lugares e á Xunta a que arranxe as estradas (AC-196) que conectan a ponte coa AC-550 e “así lograr unha actuación integral”.