Recoñecemento ao empuxe innovador e transformador de Ecoplas Barbanza

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) vén de recibir o premio Proxectos Agrupados Industria 4.0 outorgado pola Xunta a través do IGAPE. Este galardón permitirá á plataforma alimentaria impulsar a transformación dixital e o avance cara á fábrica intelixente e conectada no sector galego. Mobilizará 630.000 euros e coordinará un total de sete proxectos, nos que participarán as empresas Cofrico, Ecoplas Barbanza (con sede na Pobra do Caramiñal), Galega de Correctores Naya (SOGACO), Lugar Daveiga, Pazo de Valdomiño, Kiwi Atlántico e Viña Costeira.

Os proxectos a desenvolver inclúen innovacións como a mellora dos procesos de maduración mediante control RFID, o uso de tecnoloxías 4.0 para a predición e monitoraxe de instalacións de frío e para o seguimento sustentábel e intelixente nunha planta de produción, o desenvolvemento de obradoiros intelixentes ou a posta en marcha dunha illa robotizada de paletizado.

O clúster foi distinguido nos ditos premios (centrados en promover o desenvolvemento e implantación de tecnoloxías relacionadas cos conceptos de Industria 4.0 no sector produtivo da nosa terra) por cuarto ano consecutivo.

CLUSAGA promoveu ao longo destas catro edicións dos premios a transformación dixital en 15 pemes do sector cun investimento total de máis de 2 millóns de euros.

Amais o clúster lembra que ao abeiro da súa estratexia a prol da dixitalización sumouse o pasado ano á rede europea Smart Sensors 4 Agri-food (SS4AF), cuxo obxectivo é apoiar ás empresas do sector agroalimentario no seu camiño cara á Industria 4.0 e cara a un sistema interconectado, resiliente e intelixente. Está integrada por 17 membros titulares e 21 organizacións procedentes de 12 rexións de Europa. Entre as súas principais accións destaca a posta en marcha de 23 living labs.