SEA autoriza a venda a Conservas Cerqueira para instalarse no Polígono de Rianxo

A entidade Solo Empresarial do Atlántico (SEA) celebrou o seu consello de administración este martes na súa sede en Santiago de Compostela, a última sesión das previstas neste 2020. Participaron Lucrecio Fernández, director xeral de SEPES, que tomou posesión como presidente de SEA, Beatriz Sestayo, xerente da entidade, e a conselleira de Medio Ambiente da Xunta, Ángeles Vázquez. No consello, entre outras cuestións tratadas, autorizouse a venda a Conservas Cerqueira no Polígono de Rianxo, a adxudicación a Vinova Group en Vilanova de Arousa e a venda a SOGAMA, tamén en Vilanova. Ademais, deuse conta da venda por adxudicación directa dunha parcela no polígono de Rábade a Joserratrans.

A xerente de SEA, Beatriz Sestayo, puxo en valor a importancia das operacións pechadas no último semestre deste ano (autorizáronse operacións comerciais por valor de máis de 3 millóns de euros dende agosto), porque “malia a complexidade dun exercicio marcado polo COVID-19”, supoñen “un enorme impulso para a creación de emprego e o desenvolvemento socio económico de Galicia e das áreas nas que se instalan estes polígonos empresariais”.

Segundo dixo, “as operacións pechadas en Rianxo e en Vilanova de Arousa implicarán unha destacábel xeración de emprego, co desenvolvemento de instalacións de gran envergadura en municipios nos que os seus polígonos industriais levaban anos practicamente sen actividade”.

No caso de Rianxo, lembrou que o completo industrial dispón dunha superficie bruta de 317.728 metros cadrados (neta de 200.156). A operación con Conservas Cerqueira permitirá que o número de parcelas ocupadas rolde o 70%, explicou.

En canto ao polígono de Vilanova de Arousa, un dos de maiores dimensións dos que xestiona SEA, as operacións deste último semestre permitirán triplicar a ocupación coa que contaba anteriormente e achegarse aos 60.000 metros cadrados ocupados.

Beatriz Sestayo precisou que foi un “consello enormemente produtivo para a dinamización socioeconómica de Galicia e a creación de emprego”, ademais de servir para “a mobilización de parques industriais como Vilanova de Arousa ou Rianxo, cunha expectativa clara de creación de emprego, cunha dinamización do sector de conservas en Galicia, que é xerador de postos de traballo”.