Rianxo acollerá o Festival Titiriberia entre o 22 e 30 de decembro cunha ducia de funcións e nove compañías

O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, celebrará a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conformarán o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. Así o explicaron hoxe en rolda de prensa o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez; a tenente de alcalde de Rianxo, Mari Carmen Figueira Ares; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e a responsable de produción do festival, a titiriteira Larraitz Urruzola, e Anxo García, titiriteiro e membro
fundador da Asociación Morreu o Demo. Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluirá unha programación cuxo obxectivo principal será, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e a limitacións de aforos. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación a través da canle https://www.youtube.com/user/morreuodemo
Ao longo dos sete días presenciais que durará o festival, pasarán por Rianxo
compañías como Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas,
Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus ou a Cova das Letras, o colectivo Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, artistas como Fran Rei, Borxa Insua, Iria Pinheiro, Lucho Penabade, Tero Rodríguez, Borxa Insúa e Esther Carrodeguas, ou grupos de música como Áureas. Todos estes nomes, referentes no ámbito escénico, tecerán coas súas actuacións o programa deste Titiriberia en Rianxo que, ademais, terá na descentralización unha das súas características, xa que os espectáculos se repartirá por diferentes espazos: Auditorio de Rianxo, Casa de Cultura Cuartel Vello, Centro Social da Atalaia- Asados, Centro Cultural e Deportivo de Taragoña, Centro Sociocultural A Capela do Araño ou os soportais da Praza Castelao.
A programación comezará o vindeiro martes, 22 de decembro, da man da
compañía Viravolta Títeres, que ofrecerá no Centro Sociocultural A capela do Araño dous pases (ás 17.00 e ás 19.00) do seu espectáculo O horroroso crime de Xan Miñoca, espectáculo de títeres de cachaporra con música de piano en directo. Será ese o inicio dun programa que, entre os seus pratos fortes, conta con As varietés do Barriga Verde, un formato multidisciplinar que mestura os monicreques co cabaré, a música, a poesía ou o escapismo. Así, o último día do Titiriberia, o 30 de decembro ás 20.00 h., no Auditorio Municipal de Rianxo actuarán Esther Carrodeguas, Tero Rodríguez, Lucho Penabade, Pajarito, María Dobronich, Borxa Ínsua e Lázaro Duyos. As varietés de Barriga Verde estará conducido por Iria Pinheiro e contarán co acompañamento escénico-musical do grupo Áureas.
Commedia Dell’Arte e a cachaporra
Nesta edición, terá unha interesante presenza a commedia dell’Arte, xénero
teatral que protagonizará diferentes aspectos do programa. Deste xeito, o actor, director e profesor na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) ofrecerá a conferencia ‘Commedia dell’Arte: artesanía teatral’, o sábado 26 de decembro ás 19.30 no Centro Sociocultural A capela do Araño. O propio Llera impartirá, por outra banda, un Obradoiro de iniciación á commedia dell’arte os días 26 e 27 no mesmo recinto.
Outro das actividades que destacan da programación é a Mesa Redonda que
terá lugar o vindeiro 28 de decembro ás 20.00 h. no Auditorio de Rianxo que, baixo o título A innovación da Cachaporra. Novos xeitos para traballar a tradición, reunirá a Santi Prego, Inacio Vilariño e Alba Grande. Moderada por Comba Campoi, a mesa se centrará na tradición e na innovación no histórico xénero da cachaporra.