
O Concello de Rianxo (Área de Cultura) e a Deputación da Coruña programaron para o 7 de novembro un relevante espectáculo teatral a tres voces e a cargo da compañía Excéntricas, na que milita o dramaturgo e narrador carreirán Quico Cadaval. Trátase da sesión Tres vellas (polo menos), unha oportunidade para ver sobre o escenario a Celso Sanmartín, a José Luis Gutiérrez (Guti) e ao devandito Quico Cadaval. Será ás 20.00 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal.
Está destinada a un público adulto e ten unha duración de 2 horas.
A entrada é de balde, previa reserva na conta de correo electrónico auditorio@concelloderianxo.gal (preferente) ou no teléfono 664 183 217, do 28 de outubro ao 6 de novembro de 9.00 a 13.30 horas en días laborais. Trátase dunha proposta do programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Os tres responsábeis do espectáculo propoñen con esta peza conxunta un regreso ás aldeas, vilas e tascas e apostan de cheo, con importantes doses de lingua, memoria e retranca, por “seguir alimentando o espectáculo da palabra falada”, a xuízo destes tres persoeiros “o maior espectáculo do mundo”.
Neste exclusivo show só para os gostos mais requintados, en palabras de Excéntricas, “manifestaranse as olladas profundas, as mans encalecidas de todas as labouras e o afiado sentido do gosto das vellas, e chegará un momento no que o auditorio sentirá o recendo dos honestos guisados do pasado”.
Tres vellas (polo menos) fará a súa seguinte parada en Pobra do Caramiñal, o 15 de decembro.