No día do venres tiveron lugar varios actos adscritos á vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Trala ruada e ofrenda cívica celebrada no mediodía deste venres 30, o Elma foi escenario na tarde da presentación da publicación As Letras Galegas en Caricatura (1963-2020), de Héitor Picallo, coñecido tamén co pseudónimo de O Carrapucho. Esta última cita tamén se enmarca na programación do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, que neste 2020 resultou preciso adiar en todo o territorio galego debido á situación sanitaria derivada do coronavirus, ademais de coincidir cos cen anos da revista Nós.
O referido libro, como o seu propio nome indica, fai un repaso polos autores e autoras galegas que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas viaxando polo seu universo literario e biográfico a través de caricaturas. Conxúgase así literatura e ilustración. As imaxes están realizadas á acuarela, tinta chinesa e sen retoque dixital. Para a súa composición introduciu ademais recortes de tea, anacos de xornais escolleitos intencionadamente, colocación de sal e alcohol…
Todo co obxectivo de buscar distintas texturas e resultados para que non
queden superficies planas visualmente. No que respecta ao texto, engade un repaso pola vida da persoa homenaxeada, polas súas obras destacadas e
selecciona un fragmento dun dos textos do escritor ou escritora, entre outros datos.
Desta maneira, por exemplo na páxina de Castelao figura unha caricatura do autor rianxeiro con iconografía que fai referencia a libros como Un ollo de vidro.
Memorias dun esquelete, Cousas, Sempre en Galiza ou As cruces de pedra naGaliza.
En conxunto, a obra presentada é o froito do traballo de tres anos que
comprenderon a configuración da parte artística, do eido literario e as
correccións e maquetaxe.
O director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, foi o encargado de
introduci-lo autor e a súa obra, facendo un repaso pola súa bibliografía e
colaboracións, ademais de apuntar que “a partir dun simple apuntamento crea unha obra de arte marabillosa.”
Deseguido, o autor Héitor Picallo, contando con soporte dixital, fixo un repaso por todo o libro explicando minuciosamente como estaban conformadas as caricaturas, incluso expoñendo versións anteriores dalgunhas. Tamén apuntou que “o libro non pretende ser soamente un libro vinculado á literatura, senón que haxa transversalidade temática nas ilustracións.” Así mesmo, indicou que agarda que nos próximos anos se lle dedique o Día das Letras Galegas a máis mulleres, pois incidiu en que nos anos de historia que ten esta festividade, tan só foron homenaxeadas catro escritoras.
Pola súa parte, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, destacou o labor de
Picallo e sinalou que considera que esta obra resulta interesante para achega-la literatura á mocidade dun xeito diferente, incluso, precisando que podería ser empregado na docencia.
As persoas asistentes puideron expoñe-las súas dúbidas e achega-las súas
opinións, ademais de adquirir un exemplar da obra no final do acto.
O colofón á vixésimo segunda edición destas xornadas virá mañá, sábado 31, a partir das 20.00 horas, da man da asociación cultural Eiradela ao interpretar Delicias literarias. Cadros escénicos e musicais, escolma de Un cabecilla, Divinas palabras e Luces de bohemia. Contará coa intervención especial de Mariló Ríos (solista), Luís Prego (ao acordeón) e Cristóbal Pascual (á zanfona).
O programa deste evento está composto por un amplo e plural abano de
actividades para tódolos públicos que se desenvolven dende o día 16 ao 31 de outubro, incluíndo teatro, exposición, unha ofrenda cívica ou conferencias, entre outras. Tódalas citas transcorren seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.