ADEGA colaborará co Concello da Pobra para espallar a compostaxe entre a veciñanza

20 Outubro 2020

A asociación ecoloxista ADEGA vai contribuír a mergullar nos usos e vantaxes da compostaxe ao concello da Pobra do Caramiñal, coordinando o programa lanzado polo Goberno local para estender e afianzar as metodoloxías que propician a reutilización do lixo orgánico. O Concello, de feito, recibiu unha axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica para implantar a compostaxe individual e comunitaria e un programa educativo no centro de ensino do concello.

Segundo informou ADEGA, o obxectivo deste programa educativo é que a Pobra do Caramiñal comece a xestionar os seus residuos orgánicos transformándoos en compost, “implicando a sociedade na súa xestión e reducindo os residuos que se envían a SOGAMA e, por tanto, os custos para o Concello”.

ADEGA colabora coa planificación do proxecto e coa formación, “fomentando o cambio cara a unha xestión municipal dos residuos que prime a prevención e a recuperación dos residuos, nomeadamente, da materia orgánica”. Neste senso, a asociación recorda que o Concello repartirá 50 composteiros entre a veciñanza de Xobre para, posteriormente, ir ampliando a outras parroquias. Segundo explica ADEGA, “a dotación destes materiais é fundamental para iniciar á veciñanza nos procesos de compostaxe e separación selectiva e para superar as desconfianzas que poidan xurdir neste proceso”.

A entrega dos composteiros irá acompañada dunha formación que impartirá ADEGA para que o proceso “se desenvolva pola veciñanza da maneira máis axeitada posíbel”. Incluirase unha charla coas persoas participantes no día da recollida do composteiro e, posteriormente, a asociación fará varias visitas aos domicilios para resolver dúbidas. Esta formación prolongarase ao longo de 9 meses, que é o período que se tarda en obter o primeiro compost, e durante o cal ADEGA fará o seguimento. “Concluído ese período, as persoas participantes xa terán adquirido os hábitos precisos para a compostaxe e separación selectiva de residuos, incluso coñecerán diferentes técnicas de redución de residuos e como substituír fertilizante químicos por compost”, engadiu a organización ecolóxica galega, que lembra que nos últimos anos ten iniciado estes programas en máis de medio centenar de concellos da nosa terra, acadando en todos os casos “unha moi boa acollida”.

A asociación explicou que en datas vindeiras informará á rapazada da Pobra de como funciona a compostaxe, achegando a nenas e nenos ás vantaxes que ten esta práctica para a recuperación da materia orgánica e o seu uso como abono. Para iso, instalarse un composteiro nun centro de ensino de Pobra do Caramiñal, xunto ao cal impartirase a formación.

Dende o 9 de outubro está aberto o prazo para solicitar un composteiro no concello da Pobra do Caramiñal, concretamente para a parroquia de Xobre. As persoas solicitantes deben ter horta ou xardín e poderán solicitar o seu composteiro nunha ligazón específica da web do Concello.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión