Carlos Blanco, en Paisaxes Sonoras, o domingo 22 de agosto no Pazo de Rianxiño

O ciclo Paisaxes Sonoras é unha innovadora proposta estival da Mancomunidade Barbanza-Arousa para reivindicar unha serie de elementos que se complementan á perfección: a cultura, a identidade e o patrimonio da nosa comarca. Os dous primeiros ingredientes da fórmula veñen dados pola temática das sesións-espectáculos que constitúen o programa, e o terceiro polos lugares elixidos: espazos de gran importancia histórica, paisaxística, artística e/ou social que non adoitan aparecer nas guías e portais turísticos máis estendidos pero que a veciñanza coñece ben e sabe á perfección da súa transcendencia.

Por exemplo o Pazo de Rianxiño, á sombra do seu Hórreo, onde se celebrará (este domingo 22 de agosto ás 20.00 horas) a primeira sesión confirmada de Paisaxes Sonoras co actor e contador arousán Carlos Blanco.

O espectáculo do artista arousán tiña que celebrarse o sábado pasado pero foi aprazado pola choiva.

Os porqués do programa

O ciclo Paisaxes Sonoras que inclúe catro citas culturais-patrimoniais durante este mes de agosto, en diferentes enclaves dos nosos concellos que, por obra e graza doutros tantos artistas (da narración, da música, etc), converteranse en “protagonistas absolutos” de cada unha das experiencias programadas.

Paisaxes Sonoras nace coa intención específica de “poñer en valor a riqueza da contorna buscando a asociación de cultura, identidade e patrimonio como reforzo do noso acervo”.

Así, as catro localizacións onde terán lugar as diferentes manifestacións artísticas sáense do circuíto turístico máis recoñecido e, pola contra, “caracterízanse por estar vencelladas á poboación de xeito máis transversal” explica Barbanza-Arousa, engadindo que as actividades celebraranse a plena luz do día para contribuír ao fortalecemento do imaxinario co legado patrimonial.

O aforamento

Para cada sesión habilitarase un aforamento máximo de 50 persoas, constituído por dúas ducias de entradas duplas, reservadas para unidades familiares ou de convivencia, e 4 entradas individuais. A mancomunidade explica que a exclusividade do aforamento baséase tanto nas medidas de seguridade sanitaria contempladas nesta etapa postCOVID-19 como “no respecto á integridade das localizacións escollidas”. O obxectivo último é achegar “unha experiencia única que conxugue o desfrute do entorno e da proposta artística”.

As entradas estarán á venda a partires do luns 20 de xullo, a través de Eventbrite, a un prezo de 6 euros + gastos as dobres e 3 euros + gastos as individuais.

Rianxo: O hórreo do Pazo Rianxiño

Carlos Blanco é o primeiro artista confirmado, o 22 de agosto, cunha actuación baixo a sombra do Hórreo de Rianxo, unha senlleira construción tradicional que é a segunda en importancia do concello dentro das súas características, logo de Araño, tendo como particularidade a súa cuberta de granito a dúas augas. Cos seus case 25 metros de longo, precisou 10 anos para ser construído na súa totalidade. Segundo informa a mancomunidade, trátase dunha construción que “preside maxistralmente a Ruta do Mar de Arousa e Ulla”.

O artista: Carlos Blanco

Carlos Blanco, actor e director teatral arousán, leva máis de 30 anos sobre os escenarios abranguendo todas as disciplinas: desde a gran pantalla con participación en películas como Heroína de Gerardo Guerrero, Sé quién eres de Patricia Ferreira ou Volver de Pedro Almodóvar, ata o seu paso pola ficción en series como a histórica Mareas Vivas ou máis recentemente Fariña. Como autor, interactúa con outras disciplinas como a musica en iLalelo!, colaborando co músico Budiño, ou con Menú do Día e Menú da Noite colaborando co debuxante Luis Davila. “Desta volta”, informa Barbanza-Arousa, “teremos o pracer de desfrutar del na súa faceta de monologuista que o levou a percorrer todo o mundo co seu particular xeito de entender e ver a vida”.