A Deputación da Coruña vén de aprobar por unanimidade de todas as forzas políticas no pleno deste mes de xuño a primeira achega do Plan Único (POS+2020), que suporá un investimento de 41.266.299,41 euros nos concellos da provincia. Como cada ano, esta cantidade irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio, coa incorporación de fondos adicionais.
Na comarca de Barbanza, o plan impulsado pola deputación supón este ano unha inxección económica inicial de 5.921.750 euros, dos que máis da metade (3.129.320,96 €) serán destinados ao financiamento de 34 obras de construción e mellora de infraestruturas públicas.
Construción de beirarrúas e mellora de estradas e camiños en Ribeira, Lousame ou Outes; creación de redes de saneamento e abastecemento de auga en Ribeira, Boiro, Carnota, Porto do Son ou A Pobra, mellora de instalacións deportivas coma os campos de fútbol de Muros e Noia ou a piscina de Mazaricos, construción de novas áreas recreativas coma a do CEIP Ana María Diéguez e Rianxo…son algúns dos proxectos que contarán este ano con financiamento do POS+ provincial para a súa execución.
Outra parte importante do Plan Único (1.361,411,69 euros) destínase a financiar parte do gasto corrente de 7 concellos da zona: Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia e Outes. Con estes fondos, os municipios financian algúns servizos esenciais coma a limpeza de rúas e estradas, a recollida de lixo ou o alumeado público, que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.
O Plan Único contribúe tamén ao saneamento económico dos concellos de Barbanza. Seis municipios (Boiro, Carnota, Muros, A Pobra, Rianxo e Ribeira) destinarán parte dos fondos do POS+2020 a reducir a súa débeda, por un importe total de 409.574,09 euros, mentres que Muros, Noia e Rianxo destinarán algo máis de medio millón para pagar aos seus provedores.
Medio millón para gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19
Cabe destacar que o Plan Único conta este ano cunha achega de 4 millóns de euros procedentes de superávit para apoiar aos concellos da provincia nos gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19.
Destes 4 millóns, os 11 concellos de Barbanza reciben un total de 500.535 euros, con cantidades que oscilan entre os 75.282,56 de Ribeira e os 29.528 de Carnota e que se destinan a cuestións coma o reforzo dos servizos municipais de Asistencia no Fogar ou a compra de equipos de protección (EPI).