Xosé Ricardo Losada presenta en Boiro, este venres, A casa xunto ao volcán

11 Marzo 2020

Este venres 13 de marzo, ás 20.00 horas, celebrarase, na libraría Espazo Lector Nobel de Boiro, a presentación de A casa xunto ao volcán, do escritor rianxeiro Xosé Ricardo Losada. Acompañando ao autor, asistirán a libreira Rosa Tubío, a editora Malores Villanueva (Editorial Galaxia), o profesor e escritor X. Manuel Lobato e o profesor e historiador Pedro García Vidal. Lembrar que A casa xunto ao volcán, un dos grandes éxitos da tempada literaria galega, foi recoñecido co segundo Premio Viadutos de Novela 2019.

O autor

Xosé Ricardo Losada nado en Rianxo en 1961, é colaborador habitual de Barbantia amais dun importante escritor da nosa comarca (é responsábel, entre outras obras, da novela Bótame deste mar fóra e a escolma poética Dez anos de poesía, Premio Faustino Rey Romero en 2008), amais de ser un destacado biógrafo de Manuel Antonio (é autor de Vida e misterio dun poeta galego, un dos máis salientábeis achegamos á traxectoria vital e artística do autor de De catro a catro).

O libro

O pasado verán deuse a coñecer que a súa nova contribución literaria, A casa xunto ao volcán, foi finalmente a gañadora da nova edición, a segunda, do Premio Viadutos de Novela, que convoca o Concello de Redondela. Respecto do argumento, é unha aposta polas voces novas femininas (a protagonista é a adolescente Xeila) e pola importancia de reivindicar o pensamento crítico fronte ao conformismo que se impón na sociedade: trátase dunha defensa da filosofía e do seu relevante papel para cambiar o mundo e para atopar respostas aos grandes desafíos do noso tempo. O xurado salientou da novela “a importancia que lle devolve ao ensino como axente creador de persoas íntegras e libres”.

A nivel argumental fálanos dos primeiros anos de Xeila na vida adulta, uns pasos que veñen marcados polas dúbidas e as inseguridades, a separación dos seus pais, a incerteza sobre que camiños profesionais seguir. A isto cómpre engadir o traslado da súa familia de Ourense a Rianxo, “onde terá que comezar de novo e deberá rachar coas inercias psicolóxicas do pasado e buscar iso que o seu profesor de Filosofía consideraba a función básica do ensino: unha mirada propia sobre o mundo e sobre as relacións humanas que nel se establecen”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.