SEA e Concello da Pobra avalían unha posible futura ampliación do polígono da Tomada

20 Febreiro 2020

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, visitou esta mañá A Pobra do Caramiñal, onde se sitúa un dos trece parques empresariais que xestiona a entidade, para reunirse co seu alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira Patricia Lojo. O motivo deste encontro radicaba en establecer unha primeira toma de contacto de cara a avaliar as posibilidades de ampliar o polígono despois de que, a finais do ano pasado, SEA vendera as últimas parcelas dispoñibles no parque empresarial da Tomada.

Durante o transcurso da xuntanza estudáronse as distintas posibilidades, dado que as parcelas que quedan libres no polígono son as catro do Concello, cunha superficie total de ao redor de 6.000 metros cadrados. A este respecto, o rexedor manifestou que “non son oferta suficiente para o dinamismo que ten o noso polígono industrial e a zona do Barbanza, en xeral.” Así, avanzou que o Concello realizará un estudo para buscar a situación máis idónea tendo en conta diversos aspectos coma, por exemplo, a orografía e que non produza unha afección a vivendas próximas. Neste senso, barallan que a ampliación se efectuaría dirección ao Concello de Ribeira e autovía, sen aproximarse ao Camiño Ancho nin á Mirandela. Unha vez finalizada a análise, entregaránselle os datos a SEA para que procedan coa avaliación. Non obstante, engadiu que tamén será preciso detallar a demanda actual, se ben “cremos que si existe esa demanda”, agardando que “nun prazo de tempo moderado podamos dicir que a ampliación é unha realidade.”

A continuación, Beatriz Sestayo transmitiu a súa satisfacción pola celebración dunha reunión que cualificou como “completamente satisfactoria” e a primeira que se desenvolve desde que a xerente se puxo a disposición do Concello xa no mes de abril do pasado ano; ademais de resaltar que “temos moitísimos puntos en común” sobre o polígono. Sestayo lembrou que en 2019 finalizou a venda dos terreos dispoñibles de A Tomada, tan só catro anos despois da súa inauguración, coa ocupación total dos 106.000 metros cadrados dispoñibles, por parte de ata seis empresas. Segundo explicou, “puxémonos a disposición do Concello. En caso de que testemos esa demanda que o Concello coñece mellor que ninguén, porque está en contacto continuo co sector, e no caso de que haxa terreos dispoñibles, como así parece, estaríamos dispostos a abordar esa ampliación.” Tamén agregou que “dende a SEA queremos dar todas as posibilidades de crecemento socio-económico a Galicia e poder asentar empresas que xeren emprego e que permitan que a xente se quede na súa terra a desenvolver as súas actividades empresariais en Galicia ou que veñan a Galicia a inverter, que sempre é un bo lugar.”

En canto aos dous requisitos existentes para afrontar a ampliación, a xerente da SEA especificou que son que haxa demanda empresarial e a disposición dos terreos adecuados, aspecto que “van testar dende o Concello e que nós esperamos avaliar en concreto.”

O obxectivo será que a ampliación sexa, como mínimo, a unha superficie similar. Para iso, o Concello manterá xuntanzas cos empresarios do polígono e da localidade.

Pola súa banda, a edil Patricia Lojo expuxo que confía en que vaia producirse unha “comunicación moi fluída e que chegaremos a acordos”, polo que será “importantísimo que nos poñamos a traballar nunha futura ampliación.”

Na actualidade, SEA está elaborando o seu primeiro plan estratéxico en busca dunha estratexia que permita coñecer as necesidades das empresas para asentarse nos parques empresariais.

Suelo Empresarial do Atlántico xestiona trece parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincia de Lugo -Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade-, da Coruña -Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo- e de Pontevedra -Vilanova de Arousa e Catoira- e nos que se asentan máis dunha centena de empresas.

Outros artigos

O Elma acolle este venres a proxección de “Matria”

O Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal, no marco do ciclo Venres de Cine, acolle este venres 13 de febreiro a partir das 21.00 horas a proxección do filme galego Matria, dirixido por Álvaro Gago. A entrada é de balde ata completar a cabida. Organiza a concellaría de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Obrigacións e dereitos”. Luís Celeiro

“Obrigacións e dereitos”. Luís Celeiro

Era un gusto falar con el e escoitalo falar, ata que chegaba a hora de pagar. Despois devarios anos, todos esperaban todos os días a que pagara el, pero nunca acontecía o milagre.Era agarrado, un cotroso e conicho como son os coreños. Na taberna pedía do mellor,...