Quince alumnos-traballadores que cursan o obradoiro de cociña ‘O Pote’ na Escola Municipal de Hostalería están a desenvolver unha nova acción cunha vocación benéfica da que se ve beneficiada a sociedade ribeirense. Trátase da elaboración diaria, de luns a venres, de almorzos solidarios destinados a unha ducia de persoas en risco de exclusión que son usuarias da UAD e de Servizos Sociais.
Baixo a tutela do profesor Pachi Movilla Blanco e servíndose das cociñas da escola habilitada no segundo andar do mercado, os alumnos confeccionan diferentes menús integrados por un primeiro prato, un segundo e un postre que varían cada día do mes e tamén o fará en función da tempada en que esteamos.
Buscase con iso que o alumnado perfeccione os seus coñecementos á hora
de cociñar todo tipo de pratos ao tempo que se cumpre un fin solidario.
Os almorzos xa preparados condúcense a través dunha empresa de transporte especializada ata un local en Bandourrío onde persoas voluntarias de Servizos Sociais (forman parte das entidades ICE Renovación e Boas Noticias) os distribúen entre os usuarios.
Cómpre lembrar que “O Pote” é un obradoiro dual de emprego sobre cociña que se puxo en marcha no pasado 30 de outubro e ten unha duración de nove meses. Está promovido e coordinado polo Concello a través da Concellería de Emprego e Promoción Económica que dirixe Ramón Doval e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia.
Nestes últimos tempos, os quince integrantes do taller teñen participado ademais noutras accións como unha visita á empresa Congalsa co fin de coñecer a mecánica desta firma especializada na preparación de pratos preelaborados.


