O espectáculo Lambetadas estréase en Rianxo

28 Novembro 2019

A Sala Arcos Moldes do Auditorio municipal rianxeiro será escenario o venres 29, ás 20.00 horas, da estrea de Lambetadas, de Talía Teatro. Trátase dun espectáculo concibido a partir de textos de María Canosa, Séchu Sende e Santiago Cortegoso, e destinado a público familiar e infantil que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. Neste senso, varios textos son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas, pasarán por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero acabarán descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con elas se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

Ao acto de presentación desta cita asistiron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o representante de Deleite e patrocinador, Pedro González; o director do espectáculo, Santiago Cortegoso; o director da compañía Talía Teatro e produtor, Artur Trillo; e María Ordóñez e Diego Rey, protagonistas da obra.

O rexedor Adolfo Muíños destacou que a estrea se celebra en Rianxo, percorrendo despois distintos puntos da xeografía galega. Tamén precisou que consiste nun proxecto con “compoñentes diferentes”, polo que convida a toda a veciñanza a asistir, especialmente, subliñando “o frecuente apoio e arroupe por parte do público de Rianxo que é moi amigo e amiga de vir ao teatro a representar.”

Artur Trillo manifestou que se trata da primeira incursión nun espectáculo cun patrocinio, “sobre todo, comprometido coa cultura do país.” Despois da estrea, recalarán o domingo 1 no Culturgal, para o resto do mes de decembro iniciar unha xira intensa de quince funcións por toda Galicia, sendo a escolla dos concellos intencionada para que “nos sintamos arroupados.” De feito, apunta que elixiron Rianxo polas instalación, público e o bo trato. A xira continuará ao longo do 2020 e agardan que “dalgunha maneira, teñamos unha certa estabilidade neste sector.”

Pola súa parte, o representante de Deleite, Pedro González, indicou que a marca nace para evitar intermediarios e chegar directamente co leite ao consumidor, pero ten “unha aposta decidida pola cultura e polo apoio do talento galego.” Por iso, contactaron con Talía Teatro para chegar ás vilas medianas e potenciar o uso do galego, confiando no labor desta compañía polo seu talento.

Santiago Cortegoso explicou que lles supuxo un reto “importante” afrontar este espectáculo tratando o tema da lingua galega, “dalgunha maneira, intentar concienciar ou achegar unha sensibilidade aos nenos cara o idioma propio porque agora os nenos, igual, non ten as bases para entender a situación sociocultural do idioma, nin os maiores o entendemos.” Deste xeito, afirmou que tamén é un reto “necesario”, facendo referencia a que o uso do idioma galego está en retroceso nese rango de idade, especialmente nas cidades e vilas grandes, polo que “todos os esforzos que poidamos facer, tamén desde a cultura e desde o teatro, por intentar reverter iso, intentar crear unha imaxe cara o galego e unha conciencia cara ao idioma propio, pois cremos que é fundamental.”

Finalmente, os protagonistas María Ordóñez e Diego Rey expuxeron que o universo do clown foi todo un divertimento, “un deleite e unha lambetada.” Ademais, sinalaron que o obxectivo é abordar “unha cuestión moi delicada, pero facer que o espectáculo entre ben, coma un bo caramelo.”

A sinopse describe a dous personaxes excéntricos que entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai.

A entrada é de balde e as persoas interesadas deberán retirar os convites na billeteira do Auditorio desde unha hora antes do espectáculo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.