20190923 O potencial de observación, seguimento e monitoraxe a distancia que achegan os drons é un máis que interesante escenario en materia de ecoloxía e sustentabilidade: poden axudarnos a descubrir e recuperar o que ficaba oculto. Neste tenso, a Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Ambiente queren que estas posibilidades sexan aplicadas ao máximo na localización e loita contra o lixo mariño no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. O arquipélago foi seleccionado para levar a cabo o proxecto europeo LitterDrone, unha iniciativa que impulsa o uso de vehículos aéreos non tripulados con cámaras de alta resolución para caracterizar refugallos e combater a súa presenza.
LitterDrone facilitará a detección dos puntos de acumulación de lixo na costa e a composición da mesma, o que fará máis doado deseño de actuacións de prevención e mitigación máis precisas e eficientes.
Segundo lembran as entidades impulsoras de LitterDrone, unha das grandes ameazas actuais dos nosos mares é a presenza de plásticos, polo que é necesario unir e coordinar sinerxías a todos os niveis da sociedade para sensibilizar á poboación sobre o problema, “xa que non é unha cuestión menor, pois, se non mudamos os nosos hábitos, nun futuro moi próximo haberá máis plástico que peixes no mar”.
A orixe do proxecto
O proxecto LitterDrone foi posto en marcha en 2017 pola Universidade de Vigo (Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual, GPI-RV) e liderado polo investigador Fernando Martín. Este ano 2019 culminou unha fase relevante do seu desenvolvemento: a relativa ao sistema de procesamento das imaxes xeradas por drons. Esta fase materializouse nas praias das devanditas illas, onde se comprobou o funcionamento dos sistemas de localización e caracterización.
O proxecto, na que tamén xogan un papel relevante o grupo I-markt (Ecobas) da Universidade de Vigo, a empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas, funciona do seguinte xeito: aplicando as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para conseguir imaxes que logo procesaranse para a detección de posíbeis residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras. Isto permitirá localizar o lixo e axilizar o traballo do persoal encargado da limpeza.
Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da Universidade de Vigo, explicou a comezos de ano que a parte principal do proxecto era desenvolver un software que procese as imaxes de dron para atopar e clasificar residuos mariños. Segundo fixo saber, “esta parte foi todo un éxito, e contamos cun programa que aproveita as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para obter imaxes e procesalas para detectar posíbeis residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras”. Isto, dixo, “permite saber onde hai lixo e de que tipo para axudar ao persoal encargado da limpeza”.
A idea deste proxecto, impulsado ao abeiro da convocatoria europea BlueLabs, naceu do plan de seguimento do Ministerio para facer seguimento dunha serie de praias de todas as provincias costeiras, dúas delas en Pontevedra: Rodas e A Lanzada. Esta campaña de control realizábase de xeito tradicional, inspeccionando as praias e, coa proposta de LitterDrone preténdese achegar as novas tecnoloxías para a localización e identificación do lixo. O proxecto desenvolveuse durante dous anos cun orzamento de total de 392.657€, do que a Unión Europea achegou 312.998€.