SEO/BirdLife inicia en Barbanza un ambicioso proxecto para a conservación da píllara das dunas

06 Agosto 2019

20190806 A píllara das dunas ou píllara papuda foi en tempos unha ave especialmente presente nos areais de Barbanza. Dun tempo a esta parte, por mor da urbanización costeira e a acción humana, o número de exemplares desta especie (que moitos de nós tivemos ocasión de aprender a identificar polo seu xeito característico de desprazarse sobre a area, trazando liñas rectas co rápido movemento das súas patas), viuse notábelmente reducido (foi incluído no Libro Vermello das Aves de España e máis no Catálogo Galego de Especies Ameazadas).

Con todo, os concellos e as entidades ambientais están a dar pasos para recuperar a presenza da píllara. Unha das máis activas é SEO/BirdLife, que iniciou un proxecto para a conservación destes paxaros (coñecidos en castelán como “chorlitejo patinegro”) nas praias de Barbanza.

A iniciativa desenvolverase na contorna costeira de Noia, Porto do Son, Ribeira, Pobra e Boiro, unha área litoral que concentra arredor da terceira parte da poboación galega deste paxaro, nomeado Ave do Ano 2019 por SEO/BirdLife.

O proxecto será desenvolvido polo grupo local da organización medioambiental, coa participación de voluntarios e profesionais de SEO/BirdLife, e contará tamén coa colaboración da delegación da organización conservacionista en Asturias.

As accións de conservación, que contan co financiamento da Deputación da Coruña, levaranse a cabo coincidindo co período reprodutor da especie e, tamén, coa época de maior afluencia de turistas ás praias galegas. Entre os seus obxectivos destacan “favorecer a participación na conservación da píllara por parte das institucións e actores públicos relevantes cun impacto nas praias prioritarias da península de Barbanza”.

Ademais, contribuirase ao mantemento dos niños nas praias prioritarias da nosa comarca e máis a sensibilizar e informar á poboación adulta e infantil sobre a importancia da súa conservación.

A área de traballo, que inclúe parte da costa norte da Ría de Arousa e a sección occidental que vai desde o Parque Natural de Corrubedo até Noia, está formada por ambientes terrestres e mariños que se fusionan creando hábitats de enorme riqueza para esta e outras moitas especies de aves limícolas.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.