20190802 As Festas de Ribeira (programa neste PDF) soben esta fin de semana ao seu chanzo máis alto. Serán dous días rebordantes de actividade cultural, musical, deportiva e creativa para xente de todas as idades. Con todo, o sábado a organización quixo poñer o foco na xente do mar, colectivo á que se adica a que para moitas e moitos é o día grande das celebracións.
Estas comezarán a primeira hora (logo das 21 tradicionais bombas de palenque das 9.30) cun campionato de xadrez organizado polo Club de Xadrez do Círculo Mercantil e destinado ás categorías sub 8, sub 10, sub 12 e sub 14 a absoluta. A entrega de premios será ás 13.30 horas, na Casa da Xuventude.
Ás 11.00 horas a Banda de Cee protagonizará unha ruada para rematar na Residencia do Maior cun pequeno concerto.
Ás 18.30 celebrarase unha misa solemne na honra da Virxe do Carme, cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Ribeira, dirixida por Antonio Fernández Ageitos, na contorna da lonxa de Ribeira, para dar paso á tradicional procesión marítima con saída dende a fábrica de xeo. Ao remate da procesión desenvolverase a procesión terrestre, dende a lonxa até a igrexa parroquial.
Ás 19.30 celebrarase o Trofeo de Fútbol Festas de Verán, no Campo da Fieiteira, que enfrontará ao CD Boiro co Atlético de Ribeira.
Ás 21.00 horas está prevista unha exhibición de kenpo e karate, a cargo do Club Kenpo Ribeira (Ximnasio Cardalda) na praza do Concello.
Pola noite, comezará a música ás 22.30 horas, con La Estación tocando no Malecón (primeiro e segundo pase) e con Rosario Flores na praza de España, a partir das 23.00 horas. A música tamén estará presente no parque García Bayón, da man da agrupación Quien lo diría (a partir das 00.00 horas), e na praza dos Mariñeiros, en Bandourrío, a cargo de Planet Discomóbil.
O domingo, derradeiro día das festas de 2019, é o día adicado ao tecido social. Logo das bombas de palenque (ás 9.30 horas) e das ruadas musicais (incluíndo un itinerario protagonizado pola Banda de Música de Boiro, a partir das 11.00 horas, que rematará, como de costume, diante da Residencia do Maior), virá a misa solemne na honra de San Pedro (ás 12 na igrexa parroquial) e a mostra de música e danza tradicional de Ribeira, na porta do Sol (adro da Igrexa) a partir das 20.15 horas.
A vertente musical virá pola noite, a partir das 22.15 horas, da man de Milladoiro, na praza de España, presentando o seu novo traballo discográfico, Atlántico. Este concerto está organizado pola Concellería de Cultura de Ribeira en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Un pouco máis tarde, ás 22.30 horas, comezará no malecón un concerto a cargo de Graffiti. Ás 00.00 celebrarase a tradicional queima de fogos de artificio no peirao de Ribeira.