
20190812. Este xoves 15 regresa a carreira popular de Corrubedo organizada pola Asociación Corrubedo XI Séculos, despois de dous anos de ausencia. A cita coincidirá coa celebración da Asunción de María, patroa desta parroquia ribeirense, polo que se desenvolverán outras actividades para animar a xornada. Así o anunciaron esta mañá a concelleira de Deportes, Juana Brión, e Raúl Martínez, vogal da citada entidade e promotor deste evento deportivo desde a súa primeira edición no 2014.
A edil agradeceu aos organizadores que retomasen este certame e animou a veciños e visitantes a inscribirse para participar nun cita que atravesa numerosas paraxes naturais da localidade.
Pola súa parte, Raúl Martínez encargouse de explicar os detalles desta competición que comezará ás 10.00 horas coa saída da carreira de adultos desde o porto corrubedán. Ademais, o trazado deste ano abranguerá un total de 11 quilómetros 700 metros, xa que a distancia sufriu modificacións por causas alleas á organización. Tras a saída do peirao, os corredores subirán pola rúa Delicias ata o monte Facho, bordearán o mar por Espiñeirido, a Cruz dos Mariñeiros, O Corgo e Baleiros ata o faro e, desde este enclave, regresarán pola estrada xeral e por diante do cemiterio para enfilar outra vez ata o porto.
A continuación, terán lugar as competicións con distancias máis curtas: 1500 metros para persoas de 12 a 15 anos, 1000 metros de 9 a 11, 200 metros de 6 a 8 e 100 metros de 0 a 5.
Unha vez conclúan as carreiras, ao redor das 13.15 horas, procederase á entrega de trofeos.
Desta maneira, a organización agarda ao redor de 500 participantes entre tódalas categorías. Os interesados dispoñen ata mañá, ás 00.00 horas, para inscribirse na páxina web www.galitiming.com, tendo un custe de 6 euros para os adultos e de balde para o resto de modalidades.