A nosa mocidade fará labores de voluntariado ambiental en Sálvora e no Parque Natural de Corrubedo

07 Agosto 2019

20190807 O medio ambiente, calquera pode velo, precisa de todos nós, das nosas accións cotiáns e voluntarias de protección e concienciación (accións como comunicar a aparición dun animal en apuros, retirar plásticos da praia ou reciclar correctamente, entre outras moitas cousas). Esta concienciación medra entre a xente nova e a Dirección Xeral de Xuventude quere achegar fórmulas para que medre e se materialice alí onde máis se precisa. Disto trata o proxecto europeo LEWO (Life Evergren with Volunteer) que ten aberto o prazo de inscrición e que consiste en abrir á mocidade as portas do voluntariado ambiental en zonas concretas da nosa xeografía de gran valor medioambiental, incluídos o Parque Nacional das Illas Atlánticas e o Parque Natural de Corrubedo.

Trátase a segunda quenda neste ano da iniciativa, aprobada ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea, e ofértanse un total de 360 prazas para persoas entre os 18 e 30 anos.

Segundo informa a Dirección Xeral, departamento que coordina na nosa terra o dito proxecto europeo, a xente nova interesada poderá anotarse nas intervencións programadas até tres días antes da realización de cada actividade e a admisión será por orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das prazas convocadas.

Máis polo miúdo, haberá accións de mantemento, sensibilización e divulgación ambiental nos Parques Naturais da Baixa Limia-Xurés, no de Monte Aloia; na Ribeira Sacra-Canóns do Sil, no Courel, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e no complexo dunar de Corrubedo. Tamén intervirán nas Reservas da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Bourón, das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e Terras do Miño.

Toda a información das datas e características das actividades propostas poden consultarse na páxina web de Voluntariado Galego.

O proxecto LEWO ten tres obxectivos fundamentais:

· Contribuír á redución do impacto que a acción humana ten sobre o patrimonio natural.

· Facer sustentábel o uso de recursos naturais.

· Promover a educación ambiental e a participación cidadá no coidado da natureza.

Amais, a finalidade última no caso concreto da nosa terra é “potenciar o patrimonio natural de Galicia a través da creación dun grupo de mocidade voluntaria que realizará diferentes actividades dentro de 17 dos hábitats naturais da rede Natura 2000 e áreas especiais de protección de aves en Galicia”.

As persoas voluntarias desenvolverán actividades de preservación e conservación, de investigación (catalogación de flora e fauna de Galicia) e de educación (sensibilización, formación, exposición).

A iniciativa está aberta á participación de mozas e mozos de entre 18 e 30 anos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una vida para el recuerdo”. Manuel Dominguez

“Una vida para el recuerdo”. Manuel Dominguez

Me siento plácidamente en una butaca y más que soñar me pongo a mirar atrás, muchos años atrás, años vivido en una infancia llena de necesidades, pero pletórica de imaginación. Y sin llorar me pongo a recordar, aquellos barquillos en forma de cono o planos que en...

“Facer cola”. Xulio Xiz

“Facer cola”. Xulio Xiz

A venda de lotería polo Nadal provoca colas que se ata hai pouco se formaban os días previos ao sorteo agora, igual ca todas as celebracións, se amplían de maneira que xa hai que facelas para mercar un boleto que pode facernos ricos, de paso...