Estudantes da Pobra premiados nun sobranceiro certame internacional de 3D

27 Xuño 2019
O equipo gañador da categoría impulsada pola Fundación Mulleres

20190627 Estudantes de Ames e de Pobra do Caramiñal veñen de obter unha importante serie de recoñecementos na sétima D3Mobile Metrology World League, o campionato de escaneado 3D de precisión con tableta ou móbil convocado polo grupo de investigación CIGEO da USC (Campus de Lugo), con financiamento da Xunta, a Deputación e o Concello de Lugo e Universia do Banco de Santander. O IES da Pobra de Caramiñal proclamouse vencedor en dúas categorías: a de reivindicación das mulleres (Fundación Mulleres) e da mocidade metróloga de Galicia que outorga a Xunta.

Polo que se refire ao premio máis relevante (categoría Metrólogos), foi dar ao equipo Bach1 CPR Alca de Ames (A Coruña), formado polos escolares Lucía Camiña Freire, Diego Prados Neto e Álvaro Sevilla Pérez, coordinados polo profesor José María Villarino Fernández. Na segunda proba, os gañadores elaboraron un modelo 3D sobre a Estatua da Liberdade, mentres que na terceira conseguiron un erro medio inferior a 0,04 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior. As mexicanas Ingrid Montserrat Barcenas Hernandez e Vanessa Barcenas Hernandez, pola súa banda, escanearon en 3D o modelo anatómico dun cranio humano e conseguiron un erro medio inferior a 0,05 mm.

Polo que respecta ao equipo subcampión mundial, resultou ser un grupo de estudantes do Colexio Baden Powell de Atizapán de Zaragoza (México).

A edición de 2019 deste certame mundial contou coa participación de 600 estudantes e 150 profesores de 110 centros educativos de 16 países de todo o mundo.

Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo anatómico dun ollo escaneado en 3D, do equipo Outoforbit3D, da Unidade Educativa Mariscal Sucre de Guayaquil (Ecuador), formado polos alumnos Alina Isabel Briones Miranda e Isaid Medardo Cepeda Huacón coordinados pola profesora Andrea Alexandra Avila Guerra.

Outro dos premios do campionato fomenta as competencias dos alumnos na realización dunha campaña de difusión dos seus resultados, para conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis apoiado polo público de todo o mundo foi da Borusan Asim Kocabiyik Vocational and Technical Anatolian High School de Istambul (Turquía), formado polos alumnos Ceren Mervenur Kocamaz e Beyzanur Canta, coordinados polo profesor Mustafa Toruntay.

As contribucións da mocidade da Pobra

A D3Mobile Metrology World League 2019 contribuíu de novo a sensibilizar a todos os participantes acerca do máis que relevante papel da muller na enxeñaría e a arquitectura, co premio outorgado pola Fundación Mulleres, un galardón ao que optaron aqueles equipos que seleccionaron para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica ou tecnóloga de éxito nos devanditos eidos de traballo e investigación. O premio foi para o IES da Pobra de Caramiñal formado polos alumnos Rita Seoane Piñeiro, Román Pego Cánibe e Marcos Fernández Ouviña, coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea, cun modelo 3D sobre Tabitha Babbitt, unha muller americana que inventou a primeira serra circular en 1813, ao darse conta de que se malgastaba a metade do movemento que cada un dos dous traballadores realizaba ao manexar un tronzador.

O gañador do premio ao mellor equipo de mozas e mozos metrólogas e metrólogos da nosa terra, outorgado pola Xunta de Galicia, foi parar, por segundo ano consecutivo, ao equipo do IES da Pobra do Caramiñal coordinado pola profesora Margarita Saborido Ojea e integrado polos alumnos Leticia Romeu Sanisidro, Lea Zhu Muñiz Briones e Pablo Ramallo Castro, que escanearon varias buguinas de mar e obtiveron un erro medio inferior a 0,06 mm.

O equipo da provincia de Lugo mellor clasificado foi o grupo do IES Muralla Romana de Lugo composto polos estudantes Alejandro López Fontán, Carlos Rodríguez Da Serra e Diego Veiga Loureiro e dirixido pola profesora Marta Goy López, que escanearon en 3D unha figura do coliseo romano. Os membros deste equipo recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.

Outros artigos

A V Bandeira de Bateis Concello da Pobra disputarase no 31 de marzo

Este 31 e marzo disputarase finalmente a quinta edición da Bandeira de Bateis Concello da Pobra, feminina e masculina. Trátase dunha proba organizada polo Club Remo Pobra (Club Remo Puebla) co patrocinio da Concellaría dos Deportes, ademais da colaboración da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...