Anxo Moure reivindica o compromiso local coa lectura e a natureza na Feira do Libro de Ribeira

Finalmente a quinta edición da Feira do Libro de Ribeira inaugurouse este xoves na praza do Concello. A cita, que contou coa presenza do alcalde Manuel Ruiz e mailo secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, foi inaugurada polo contacontos e escritor chantadés Anxo Moure, quen fixo no seu pregón unha proclama a prol da lectura e do activismo medioambiental, exemplificando este compromiso cultural e ecolóxico na histórica aventura do pesqueiro local Xurelo, que constituíu a punta de lanza da loita galega contra os vertidos contaminantes no Atlántico nos anos oitenta.
O Xurelo, como lembraremos, foi capitaneado polo ribeirense Ángel Vila, quen saíu de porto cunha tripulación formada por mariñeiros, representantes políticos e xornalistas, o 15 de setembro de 1981, coa misión de mostrar ante o mundo a preocupante realidade dos vertidos radioactivos diante das nosas costas.
Anxo Moure tamén reflectiu no seu pregón a loita contra o espolio da area das dunas de Corrubedo, que puxeron en perigo a conservación desta paraxe natural e costeira única do concello de Ribeira.
Na apertura da Feira, que ofrece aos lectores locais descontos do 10% en cada libro, interviñeron tamén Manuel Ruiz e Anxo Lorenzo, facendo unha acendida defensa do valor do libro “para a liberdade do ser humano”. O evento estivo conducido por Nani Regueira, coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia. Entre os asistentes figuraron ducias de nenos e nenas do colexio O Grupo. A programación continuou pola coa presentación ás 19 horas de Liñas compartidas, de editorial Toxosoutos, con Patricia Torrado (editora), mentres que ás 20 horas Xabier López Marqués deu a coñecer o seu libro de poemas Arró.
A V Feira do Libro estará aberta ata este domingo co seguinte horario: xoves e venres de 11.30 a 14 e de 18 a 21.30 horas e sábado e domingo de 12 a 14.30 e de 18 a 21.30 horas. Conta con casetas da Libraría Pedreira, a Libraría Cortizas, Ler Libraría da Pobra do Caramiñal e Libraría Cartabón, ademais da Deputación da Coruña.
Este venres o evento libreiro ribeirense vén cun completo programa de actividades. Ao mediodía celebrarase outra actividade infantil cos colexios de Ribeira, desta volta na compaña de Raquel Queizás. Pola tarde, ás 18.30 horas preséntase o Club da Lectura Dixital eBibliotecadacoruña Club Lector, a cargo da Biblioteca Provincial da Coruña. A continuación, ás 19.30 horas, darase a coñecer o libro Compañeira, non serva (Toxosoutos), da autora Rosario Regueira. Á mesma hora tamén se presenta Infamia, de Ledicia Costas. A xornada remata cunha charla coloquio de escritoras e escritores de Ribeira, prevista para as 20.30 horas. Participan Uxía Casal, Antonio Piñeiro e Antonio Tizón.
O día seguinte, sábado, a feira re-comeza poñendo o foco no mar, cunha actuación musical do escritor e músico Xurxo Souto, a conto da súa novela A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais). Isto será ao fío das 12.00 horas. Unha hora máis tarde as nenas e nenos volverán ser protagonistas coa actividade infantil Story Time, Under the Sea, por Kid & Us (entre os 3 e os 5 anos). Pola tarde, ás 19.00 horas, volverá a música da man de Luís Vallecillo, que presenta o seu libro disco Cantamos (Guindastre Edicións). Máis tarde, ás 20.00 horas, preséntase a novela Por Puntos de Manuel Portas (Galaxia).
O domingo as actividades comezan ás 13.00 horas, con A maxia de ler, espectáculo de maxia de David Méndez. Pola tarde, ás 19.00 horas, será a quenda do músico Xoán Curiel, co espectáculo Canta miña pedra canta.