Boiro, á cabeza dos concellos con maior número de contratacións a través do programa PEL-2021 da Deputación

20 Agosto 2021

A Deputación da Coruña publicou no BOP deste 20 de agosto a concesión das tres liñas principais de axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2021) para pemes e autónomos, que este ano incrementan o investimento ata os 9,34 millóns de euros. Isto, segundo indicou o presidente provincial Valentín González, permitirá apoiar a 1.061 pequenos negocios da provincia na creación de novos postos de traballo e a na dinamización da súa actividade. Boiro atópase entre os concellos con meirande número de contratacións (15 por importe de 208.609,59 €).

González destacou que o Goberno provincial reforzou este ano o investimento en todos os programas sociais e de emprego para facer fronte aos efectos da COVID-19. “Ademais de crear programas específicos coma os dous plans REACTIVA cos que destinamos 25 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis prexudicados durante a pandemia, reforzamos tamén as liñas convencionais do PEL, o que permitirá, entre outras cousas, apoiar a contratación de 412 persoas en pemes e microempresas durante 2021, o dobre que o ano pasado”.

González Formoso explicou que o crédito inicial previsto na liña de apoio á contratación (PEL-PEMES) incrementouse finalmente ata os 5,4 millóns de euros.

As axudas do PEL-PEMES financiarán o 70% dos custes do primeiro ano da contratación, incluíndo os gastos de soldos e salarios e Seguridade Social. González salientou que destas 412 contratacións realizadas, máis da metade (222) serán realizadas con carácter indefinido.

Esta aposta pola creación de emprego durante a pandemia estendeuse tamén ao programa co que a Deputación financia a contratación de persoal nos municipios da provincia (PEL-Concellos), que este ano duplicou o seu orzamento ata os 6 millóns de euros, o que permitiu crear 593 postos de traballo nos concellos coruñeses que xa están operativos desde principios do ano.

En total, “o PEL da Deputación axuda este ano a crear máis de 1.000 empregos directos no sector público e privado”, afirmou González Formoso.

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, puxo o foco no reforzo das liñas PEL para apoiar a reactivación económica durante “un ano especialmente difícil” e destacou que as axudas para impulsar a actividade de pemes e autónomos chegarán a 649 empresas na práctica totalidade dos concellos da provincia.

Comarcas e concellos con maior número de contratacións

En canto á distribución das axudas á contratación por concellos, os que teñen un maior número de solicitudes concedidas son os seguintes: Santa Comba (26 por importe total concedido de 347.915,54 €), Vimianzo (22 por importe total de 302.658,38 €), Mazaricos (16 por importe total de 224.490,34 €) e Boiro (15 por importe de 208.609,59 €).

Por comarcas destacan a de Santiago, con 120 solicitudes concedidas e un total de 1.570.880,82 euros (o que supón o 29% das solicitudes concedidas), seguida da de Carballo con 104 solicitudes concedidas e un montante de axudas por importe de 1.369.472,21 euros (un 25% das solicitudes concedidas) e da de Coruña con 71 solicitudes concedidas e unha contía de subvencións de 931.646,67 euros (un 17% das solicitudes concedidas).

Atendendo á tipoloxía de negocio, a meirande parte das entidades beneficiarias son microempresas (empresas con 10 ou menos traballadores/as), representando máis da metade do total, mentres que os autónomos e autónomas supoñen o 40%. A parte restante, é dicir, arredor dun 7% corresponde a pequenas e medianas empresas.

torrecilla@torrecilla.net

PEL-Emprende incrementa nun 75% as axudas ao investimento

A liña de axudas de PEL-Emprende da Deputación da Coruña destina este ano 3.444.339,48 euros (un 75% máis que o ano pasado) para apoiar a 397 empresas de recente creación e persoas autónomas da provincia “na realización de investimentos ligados ao fortalecemento e consolidación dos seus negocios”, explicou o presidente, engadindo que estas axudas “supoñen un importante apoio económico para que estas 397 empresas poidan adquirir aplicacións informáticas, mobiliario, maquinaria e/ou equipos para procesos de información necesarios para o crecemento, modernización e dixitalización dos seus negocios”.

A liña PEL-Emprende subvenciona ata un 70% dos investimentos das empresas, con axudas que oscilan entre os 2.450 e os 17.500 euros, sen IVE.

O 64,23% dos beneficiarios/as son autónomos, seguidos por un 35,51% de microempresas, empresas que conta cun máximo de dez traballadores/as.

O 64% das empresas beneficiarias das axudas PEL-Emprende Investimento 2021 están dirixidas por mulleres e un 4,28% por persoas con diversidade funcional.

En canto aos sectores, o 73% das empresas beneficiarias pertencen a actividades económicas especialmente afectadas pola pandemia da COVID-19 e o 26% ás actividades económicas referidas a sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial de Galicia.

En canto á distribución das axudas por concellos, a través de PEL-Emprende Investimento beneficiaranse 52 empresas e autónomos/as pertencentes ao concello da Coruña, cun importe total concedido de 357.886,34 euros, 41 de Santiago de Compostela con 339.577,63 euros, Culleredo con 13 solicitudes concedidas e 89.072,03 euros, e Ames con 12 solicitudes concedidas e un importe en axudas de 139.781,02 euros. Entre as catro suman 118 das 397 solicitudes concedidas para investimentos, o que supón case un 30%.

Na distribución por comarcas, a da Coruña é a que conta cun maior número de solicitudes concedidas con 129, o que supón 991.458,27 euros en axudas, seguida da comarca de Santiago, con menos solicitudes concedidas, un total de 122, pero un importe concedido superior, un total de 1.153.612,86 euros. A estas comarcas séguenlles a de Ferrol con 61 solicitudes concedidas por importe de 503.161,18 euros e a de Carballo con 54 e un importe de 543.728,24 euros. As restantes, pertencen á comarca de Barbanza, con 31 solicitudes concedidas e un montante en axudas de 252.378,93 euros.

A nova liña de apoio a autónomos chega a 252 profesionais, o 90% mulleres

A Deputación fixo saber que “a principal novidade das axudas PEL 2021 foi a nova liña de PEL-Autónom@s”, que contou “cunha enorme acollida por parte de todas as persoas profesionais autónomas”.

Na súa primeira convocatoria esta liña distribuirá preto de medio millón de euros que servirán, en palabras da entidade provincial, “para aliviar a carga a que se están vendo sometidos moitos traballadores e traballadoras autónomos/as tras a pandemia, sufragando o 70% dos custes da Seguridade Social durante un ano a 252 profesionais”.

Destacar que a meirande parte das persoas beneficiarias son mulleres, xa que un total de 228 autónomas recibirán a axuda, é dicir, máis do 90% do total.

En canto á distribución das axudas por concellos, os que teñen un maior número de solicitudes concedidas son os seguintes: Cariño (con 16 por importe total concedido de 26.507,57 euros), A Coruña (con 15 por importe total de 30.817,52 euros), Fisterra (12 por importe total de 21.601,94 euros) e Curtis e Santa Comba con 8 (por importes de 13.483,13 euros e 16.200,15 euros, respectivamente).

Outros artigos

I Concurso Infantil de Debuxo ApiBarbanza – 2024

A delegación de AGA, asociación Galega de Apicultores, no seu Delegacion do BARBANZA SALNES convoca I Concurso Infantil de Debuxo Apícola co fin de involucrar e concienciar aos nenos sobre o valor da abella como axente polinizador e na conservación do medio...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...