A nova edición (a XI) da proba ultradeportiva Os 100 do Barbanza rematou cun novo éxito de participación e repercusión, con centos de participantes dándose cita en Noia para afrontar un dos retos deportivos máis esixentes de Galicia, percorrendo camiños, montes e paisaxes únicas da nosa comarca. Noia foi o punto de partida (no Pavillón Alonso Rodríguez) e máis a meta da proba, polo que o Concello agradeceu “o traballo da organización, das persoas voluntarias, dos corpos de seguridade e de todos os que fixeron posíbel esta gran xornada de deporte e superación”.

A calor reinante, día e noite, foi a gran protagonista do evento deportivo, ademais da entrega e o espírito de sacrificio e superación das e dos deportistas que percorreron os 100 quilómetros de trazado da proba. Tamén tivo especial protagonismo o boirense Damián González, que chegou de primeiro á meta ás 2 da madrugada do domingo cun tempo de dez horas e 19 minuto e que partía como un dos grandes favoritos (foi, de feito, segundo o ano pasado). O segundo e o terceiro banzo do podio foron para os noieses Diego Hermo e Eduardo Buján.

Organización
O Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar, en colaboración co Concello de Noia e os outros seis concellos da península do Barbanza, organizou a XI edición de Os 100 do Barbanza, o sábado 20 e o domingo 21 de xuño de 2026.
A proba percorreu os sete concellos da comarca: Noia, Lousame, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son.
A edición desta pasada finde tivo desnivel acumulado de 3.100 metros,

Máis detalles
O ultratrail de 100 quilómetros Os 100 do Barbanza é, en palabras da organización (o club International Trekkers Barbanza) “a proba estrela de longa distancia do calendario galego”. Nesta edición, Noia exerceu como concello anfitrión e punto de saída dun esixente roteiro circular que levou aos participantes polos sete municipios da comarca: Lousame, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son, para regresar finalmente ao momento de orixe.

“Trátase dun percorrido que combina desafío deportivo, riqueza paisaxística e patrimonio cultural, e que se caracteriza por desenvolverse en gran parte polo litoral”, informou a organización, lembrando que a proba conta cun desnivel acumulado de aproximadamente 3.100 metros.

Toda a información e novidades sobre a proba poden seguirse a través das súas redes sociais en Instagram (@Os100doBarbanza) e en Facebook (Os 100 dos International Trekkers).



