Amicos realizará o 30 de setembro a primeira xornada formativa do proxecto Erasmus+ INC Leisure


Na mañá deste luns 18 de setembro, a asociación inclusiva da nosa comarca Amicos presentou os detalles da que será a primeira xornada formativa do proxecto europeo (Erasmus+) INC Leisure. Desenvolverase baixo o lema Contruindo boas prácticas inclusivas en espazos de educación non formal. Levarase a cabo na Casa da Cultura (Boiro) o próximo día 30 de setembro.

A formación vai dirixida a profesionais da educación (profesores, persoal especialista, empresas de
lecer e tempo libre, familias). Esta xornada formativa ten como obxectivo principal promover a mellora continua na educación presentando as guías prácticas de uso materializadas ao abeiro do proxecto INC Leisure en colaboración con 3 entidades europeas (a Associaçao Grao Vasco de Portugal, o Colexio OURC DR Zlatan Sremec (Macedonia do Norte) e Asociación Babilón (Alacante) e financiada polo programa europeo Erasmus+.

Na xornada contarase coa presenza de Gey Lagar, destacada profesional no eido da inclusión social, a terapia, a asesoría e a formación. Cunha salientábel traxectoria e compromiso na promoción da inclusión social e o desenvolvemento humano, Gey é autora do programa Patios e Parques Dinámicos, fonte de coñecemento e orientación para aqueles interesados na creación de espazos inclusivos e dinámicos. A súa obra demostra, en palabras de Amicos, “a importancia e o compromiso coa construción de contornas de xogo que promovan a inclusión e a interacción de todos e todas nos espazos de de educación non formal”.

Na xornada tamén participarán profesionais do CEIP Santa Baia e o CEIP Carrasqueira, que falarán da
importancia dos “patios Inclusivos”, comentarán exemplos que representan boas prácticas que poidan axudar a crear un ambiente escolar máis equitativo, “onde todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender, xogar e crecer xuntos”.

Por último, levaranse a cabo seminarios e obradoiros para todos os asistentes.

As persoas que precisen máis información sobre a xornada ou inscribirse nela poden facelo a través do formulario habilitado ou enviar un correo a colexio@amicos.org ou hola@amicos.org. Ou ben chamar ao 981 865 716.